Este mércores pola tarde rematará o reparto de 3.000 quilos de alimentos non perecedoiros que realiza SOS Porriño no seu almacén, situado no Multiusos de Torneiros. Esta axuda humanitaria alcanza a 160 familias e, polo tanto, a aproximadamente a máis de 600 persoas que teñen dificultades económicas.
Este reparto de alimentos é mensual e realizase entre familias con necesidades que son previamente valoradas e comprobadas polos técnicos do departamento de Servizos Sociais.
A recollida de alimentos para SOS Porriño mantense de xeito continuado e conta coa solidariedade de diversos colectivos. O concelleiro de Servizos Sociais, David Alonso, subliñou “o gran pulo que supón para o Banco SOS Porriño as aportacións dos deportistas”. O edil, que tamén é responsable do departamento de Deportes, ten establecido que nos diferentes eventos que se organizan os participantes acheguen un quilo de alimentos non perecedoiros como volverá a acontecer coa carreira Porriño 10K que se vai celebrar o domingo 15 de marzo.
Reparto de camas articuladas e guindastres
Por outra banda, o Concello do Porriño investiu 15.000 euros para mercar dez camas articuladas e cinco guindastres para mobilización de persoas con mobilidade reducida ou nula, que se están a repartir en préstamo a familias que o solicitan. Previamente os técnicos de Servizos Sociais realizan unha valoración de cada caso.
Aínda hai unidades dispoñibles no almacén do Multiusos de Torneiros para quen queira solicitar e reúna as condicións requiridas.