A Policía Local e a Garda Civil detiveron a un home de 51 anos, veciño do Porriño, como presunto autor dun delito de violencia de xénero. A vítima, a súa esposa, presentaba “un forte golpe” na cabeza e ingresou no hospital Álvaro Cunqueiro cun traumatismo cranial, segundo informa o corpo municipal.
Os feitos aconteceron na pasada madrugada. A Policía Local recibiu ás 04.10 horas deste martes unha chamada que avisaba de que unha muller estaba a ser agredida pola súa parella no domicilio común, nunha parroquia do termo municipal do Porriño.
A intervención conxunta de Policía Local e Garda Civil conseguiu auxiliar á vítima e deter ao agresor, que foi trasladado ás dependencias da Benemérita para a instrución das dilixencias e posta a disposición xudicial.