Cuntis, Mondariz-Balneario, Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa son os primeiros municipios en recibir recursos da liña 3 do “Plan Concellos 2018”.
O goberno de Carmela Silva aprobou destinar a estes nove concellos 1.292.184,22 euros para a contratación de 135 persoas para desempeñar diferentes tarefas nas dependencias municipais. Máis polo miúdo, Cuntis, con 122.623,27 euros vai contratar a 12 persoas para tarefas relacionadas co asfaltado, condución de retroescavadora, enxeñería técnica agrónoma, protección civil, albanelería e turismo.
O concello de Mondariz-Balneario, con 56.143,56 euros vai contratar a 12 persoas que desenvolverán tarefas de construción e forestais. Pola súa banda, o concello de Oia recibirá 99.899,44 euros para a contratación de 9 persoas para a recollida do lixo, manexo de maquinaria forestal e retroescavadora, así como para tarefas de albanelería e forestais.
O Rosal recibirá da Deputación 127.360,83 euros para a contratación de 15 persoas para o desempeño de obras para a revalorización de espazos públicos, para actuacións en materia de electricidade, limpeza e recollida do lixo, tarefas forestais e axuda no fogar. En canto a Salceda de Caselas, as achegas da institución provincial son de 146.997 euros para a contratación de 9 persoas que desenvolverán tarefas de recollida do lixo, orientación laboral, albanelería, limpeza, animación sociocultural e administración.
Pola súa banda, o concello de Salvaterra de Miño, con 165.010,80 euros poderá contratar a 22 persoas para traballar na recollida do lixo e limpeza, para a información turística, fontanería, animación sociocultural, condución, cobro, construción e albanelería así como para a práctica deportiva.
No caso de Vila de Cruces, o goberno de Carmela Silva aprobou destinar 140.497,40 euros para a contratación de 10 persoas para desempeñar tarefas relacionadas coa albanelería e obras, forestais e xardinería, administración e conserxería. Vilaboa, pola súa parte, recibirá 114.382,21 euros para contratar a 10 persoas para desenvolver tarefas forestais, obras públicas e albanelería, condución e carpintería, pintura e limpeza.
Amais, a Deputación de Pontevedra tamén destinará 319.269,71 euros para o concello de Vilagarcía de Arousa para a contratación de 36 persoas para desenvolver tarefas de administración, animación deportiva, albanelería, forestais, pintura, instalacións eléctricas, carpintería, fontanería, soldador/a, conservación de parques urbanos e xardíns, sepultureiro/a e axudantes de mantemento de instalacións deportivas.
Este ano, a liña 3 do Plan Concellos está dotada de 9.540.000 euros, é dicir, un 2,5% máis que no 2017. Coas achegas aprobadas esta mañá en Xunta de Goberno para os concellos de Cuntis, Mondariz-Balneario, Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Vila de Cruces, Vilaboa e Vilagarcía de Arousa, está distribuída o 13,54% da liña 3.