O Pazo Pegullal foi o marco escollido para a celebración da graduación da primeira promoción de bacharelato de Salceda na tarde do venres 14, un acto sen dúbida inesquecible para os 49 rapaces e rapazas que celebraron o remate dos seus estudos de bacharelato no IES Pedras Rubias.
O acto tiña sen dúbida un carácter especial, por ser esta a primeira promoción en rematar os seus estudos de bacharelato en Salceda tras a súa implantación no curso 2022/2023.
Na mente do alumnado, ao igual que na do profesorado, estaba sen dúbida a mágoa por non poder ter estreado o novo edificio que se está a rematar de construir para acoller as vindeiras promocións, pero tamén o orgullo de ser a primeira promoción de bacharelato do municipio.
Foi un acto emotivo, pero ante todo un acto divertido, pensado por e para o alumnado, que gozou coas intervención dos seus mestres e mestras, pero tamén dos seus compañeiros e compañeiras, amenizando ademais a velada con música en directo a cargo de Breogán, Sara, Javi e Alba, estudantes do mesmo instituto.
No acto, ademais de premiar a promoción de bacharelato, recoñecéronse tamén os mellores expedientes académicos do curso, e entregáronse diferentes agasallos ao profesorado, equipo directivo e alumnado.
Máis de 300 persoas participaron no evento no entorno incomparable do Pazo Pegullal, que a súa propietaria Charo Andrade puxo a disposición do centro de xeito desinteresado a través da petición feita por parte da alcaldesa, Loli Castiñeira.
O equipo de goberno e representantes da corporación do PP e PSOE quixeron tamén estar presentes, respostando deste xeito ao convite feito dende o propio IES Pedras Rubias.
A directora do centro, Chefa Espiñeira, felicitou a esta primeira promoción de bacharelato, lembrando que foron anos difíciles cunha pandemia por medio, polo que estaba se cabe máis orgullosa desta promoción. A directora quixo agradecer tamén ao equipo de goberno pola súa involucración na organización do evento, así como á totalidade da corporación por implicarse durante anos na loita por conseguir a implantación do bacharelato no municipio.