Este sábado as persoas amantes da cultura urbana teñen cita en Salceda de Caselas co festival A Revolta Fest, que este ano estrea nome coa pretensión de acadar un maior impacto e repercusión a nivel internacional, para converterse nun dos eventos de referencia dentro desta disciplina.
O festival fundouse no 2014, e comezou como un sinxelo e familiar campionato de Break Dance fronte o Estadio de Balaídos en Vigo.
Despois de ir crecendo pouco a pouco, e coa grande acollida que tivo, rapidamente se converteu en internacional.
En 2019 decidiuse o seu traslado ao concello de Salceda de Caselas, onde foi recibido como unha grande aposta.
En 2021, incorporouse a disciplina urbana do Graffiti, e agora anos máis tarde, e coincidindo co 10º aniversario, incorpórase unha nova disciplina, o campionato de Batalla de Galos, Sangue a Feira.
Como principal actividade, o festival contará co Break Dance, este ano incluída como disciplina nos Xogos Olímpicos. Haberá un taller gratuíto para os rapaces e rapazas que se animen a probar, ás 11:30, e pola tarde levarase a cabo o campionato profesional, «Who Rules International», polo que xa pasaron por Salceda numerosos/as representantes olímpicos/as de diversos países, como Brasil, Francia, Finlandia, España….
Nun entorno natural, e de espectacular beleza, na actualidade o Festival celébrase no Parque Raíña Aragonta, onde se agarda que este ano centos de persoas poderán achegarse a ver calquera das disciplinas. Un Festival que ao longo dos anos continuará na súa aposta e crecemento para converter a Salceda nun punto de referencia a nivel internacional .
O festival manterá o acceso ao público de maneira libre e gratuíta.