O Dúo Amazonas, formado polas muralistas Lina Castellanos e Nati Andreoli, está a deixar a súa pegada no concello de Salceda de Caselas, na medianeira situada entre as rúas Brasil e Arxentina, cun mural de gran formato realizado ao abeiro do programa provincial ‘Mulleres en Acción. Violencia Zero’. Na obra, que hoxe visitou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, xunto á alcaldesa, Verónica Tourón, e a concelleira de Igualdade María Dolores Castiñeira, as artistas renden homenaxe ás mulleres do ‘street art’ que na súa carreira se atopan con obstáculos para levar a cabo unha profesión masculinizada. O mural toma como inspiración unha fotografía tomada a seis compañeiras muralistase grafiteiras de diferentes lugares do mundo. No acto, que foi seguido pola veciñanza, repartíronseas bolsas de tea deseñadas por Andrea López, Eva Fandiño e Nuria Diaz.
Carmela Silva lembrou que é precisamente o espazo público “o primeiro que nos arrebatan ás mulleres cando queren que sigamos sendo submisas”. Para a presidenta provincial, este mural é “unha mostra de que o feminismo é algo planetario e, polo tanto, todas as mulleres do mundo, hoxe máis que nunca, temos que traballar en rede”. Referiuse á recente derrogación do dereito ao aborto polo Tribunal Supremo en Estados Unidos ao lembrar que “ningún dereito está consolidado como xa advertiu Simone de Beauvoir”. Carmela Silva fixo mención ao recordar ás 1.151 mulleres asasinadas no Estado dende que se comezou a contabilizar de xeito oficial.“Paréceme intolerable que nos acostumemos a que se asasine a mulleres polo feito de selo. É unha loita constante”. A presidenta referiuse ás artistas, Lina Castellanos e NatiAndreoli:“Sodes capaces de loitar por todas as mulleres cos vosos murais e con eles construídes un mundo mellor”.
Na mesma liña interveu a alcaldesa Verónica Tourón ao desexar que “a nosa loita sirva para que as nenas do futuro sexan as mulleres que queren ser”. Agradeceu á Deputación “a súa incansable aposta pola loita a prol do feminismo, con cada vez máis repercusión” e fixo mención especial a “Violencia Zero” e a outras iniciativas provinciais e locais que son “fundamentais para manter viva a chama da loita das mulleres para acadar a liberdade mediante as creacións de mulleres artistas”. Tamén tivo palabras de agarimo para o Dúo Amazonas, quen vestiron un “espazo espido que precisaba ser dotado de contidos, ideas e a intención de reflexionar a través de mulleres creadoras”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade María Dolores Castiñeira, referiuse a este mural como “unha oportunidade para embelecer Salceda dunha forma digna, reivindicando a igualdade”. E lembrou que as desigualdades están latentes especialmente no eido cultural: “A discriminación castiga con moita máis dureza ás mulleres artistas algo que é tremendamente inxusto posto que son as máis formadas e teñen un gran talento.
As artistas do Dúo Amazonas agradeceron á Deputación a oportunidade brindada e invitaron “ás nenas, mozas e a todas as mulleres que queiran a entrar nesta fermosa disciplina”. Tamén tiveron palabras de afecto para a veciñanza de Salceda, que lles axudou durante as xornadas de traballo, e gabaron a iniciativa provincial ao deixar claro que “sendo mulleres temos que sentirnos cómodas no espazo público e facer propostas para ocupalo”.
No mural, en cores ciano e maxenta, os rostros das seis artistas renden unha homenaxe a todas as mulleres do ‘street art’ que teñen que loitar contra innumerables desigualdade como a fenda salarial, o feito de que sempre se lles deixen os muros máis pequenos para traballar ou que, cando alguén ve a unha muller realizando este tipo de labores tenda a pensar que é a asistente dun muralista home. Ademais, coa súa obra o Dúo Amazonas lanza unha mensaxe de optimismo cara as novas xeracións que busca romper estereotipos e ensinarlle ás nenas que poden levar a cabo todas as tarefas que se propoñan.