Con tal motivo, o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, e o alcalde Marcos Besada achegáronse este xoves pola mañá ata o centro escolar para informar dos pormenores da obra á dirección.
Segundo explicaron, a intervención consistirá na demolición da cuberta para posibilitar a ampliación do edificio existente en 297,15 metros cadrados nos que se instalarán novos espazos destinados a aulas, cunha pasarela de comunicación co edificio principal do aulario.
A ampliación suporá a creación de catro novas aulas, aseo adaptado, almacén de limpeza, escaleiras, distribuidor e pasarela.
Con 587 alumnos matriculados no presente curso escolar, a Unidade Técnica da Xefatura Territorial valorou prioritaria esta actuación, tal e como sinalaron López-Chaves e Pérez Ares durante a visita. O CEP Altamira consta na actualidade dun edificio principal destinado a uso educativo de primaria, edificio administrativo e ximnasio.