A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres a quinta relación da Liña 3 do Plan Concellos 2020. En concreto esta nova concesión de subvencións estará dotada de 1.349.376 euros para que Nigrán, Salceda de Caselas, Soutomaior, Tui, Cambados, Campo Lameiro, Forcarei, A Lama e Meis poidan contratar a un total de 133 traballadoras e traballadores municipais.
A selección deste persoal faise entre persoas desempregadas a través do Servizo Público de Emprego e os contratos estenderanse ata o 31 de decembro deste ano 2020.
Máis polo miúdo, Cambados recibirá 213.125 euros para contratar a 21 persoas: un técnico en medio ambiente, dous operarios de mantemento, oito auxiliares administrativos, catro auxiliares de cultura, un traballador social, un arquitecto técnica, un técnico en organización, un educador familiar e dúas persoas de limpeza.
Pola súa banda, Campo Lameiro terá a súa disposición 83.371 euros para contratar a doce persoas: dous condutores de tractor, tres peóns forestais, tres peóns de obras públicas, un auxiliar administrativo, unha persoa de albanelaría e dous monitores deportivos.
No caso de Forcarei, destínanse 124.997 euros para contratar nove persoas: un peón de recollida de lixo, un peón forestal, tres peóns de obras públicas, un condutor de camión de lixo, dous tractoristas, unha persoa de albanelaría. En canto á Lama, a Deputación achega 91.345 euros para 13 traballadores: un auxiliar administrativo, dous operarios de movemento de terras, sete peóns forestais, dous peóns de limpeza e unha persoa de conserxería.
Pola súa parte, Nigrán recibirá 224.795 euros para empregar a 22 persoas: dous oficiais de albanelería, 17 peóns forestais e tres conserxes. A Meis dedícanse 108.905 euros para contratar dúas persoas de albanelaría, un electricista, un fontaneiro, un pintor, dous carpinteiros e dous peóns de obras públicas.
Para Salceda de Caselas concedéronse 146.947 euros para contratar a 12 empregados: un orientador laboral, un técnico en medio ambiente, un técnico en igualdade, un bibliotecario, cinco peóns de limpeza, una persoa de albanelería e dous peóns forestais. No caso de Soutomaior, 124.552 euros para 17 traballadores: dous axudantes de biblioteca, dous oficiais de albanelería, un fontaneiro, nove peóns forestais, un podador, un axudante de arquivo e un xardineiro.
Por último, para Tui a Deputación achega 231.335 euros para empregar a 18 persoas: dous condutores, dous auxiliares administrativos, un oficial de albanelería, un oficial soldador, dous auxiliares administrativos de biblioteca, catro animadores turísticos e seis persoas para desbrozar.