Salceda amencía o domingo coa triste nova do pasamento de Justo González, coñecido por ser un dos fundadores da banda de música da vila, ademáis de pola súa pertenza á mítica Orquestra Sur, e por rexentar unha zapatería durante moitos anos no centro da vila, na que misturaba a venta de zapatos coas clases de solfexo que impartía a ducias de nenos e nenas en plena zapatería.
«Que Justo era unha persoa especialmente querida pode comprobarse facendo un percorrido polas numerosas mostras de afecto verquidas nas redes sociais por familiares e amizades, pero sobre todo polas expresadas por moitos deses nenos e nenas que pasaron pola súa zapatería a estudar música e que hoxe en moitos casos se teñen convertido en profesionais da música ao longo de todo o mundo», destacaban este luns desde o Concello.
O estado de alarma fixo ademais imposible ese último adeus presencial a Justo, polo que foron as redes as que trasladaron todos eses sentimentos á súa familia, a modo de despedida pública.
«Justo era desas persoas boas, que tamén o Concello quixo recoñecer nomeándooo “salcedense distinguido” alá polo ano 2015, en recoñecemento a unha vida de paixón incondicional pola música». E é que esa era a súa maior paixón, reflexada sobre tódalas cousas na Banda Cultural de Salceda, “a súa banda”, encargada de darlle o último empuxonciño de ánimo cando xa nos seus últimos días no hospital puido ver a nova que o telexornal lle adicou polo seu traballo no confinamento, tal e como unha das súas netas recoñecía tamén a través das redes sociais.
Justo foise coa alegría de ver como a súa querida banda recuperou décadas despois a que foi a súa orquestra, a Sur, que ademais contou co seu último e máis especial alumno, o seu bisneto.
A casualidade quixo que tan só dez días antes fose a súa muller a que partise, nunha separación que durou demasiado pouco, e que deixou a toda a vila coa sensación de que se estaban esperando. Sen dúbida Salceda non esquecerá a Justo, unha desas persoas que se fixo querer alá por onde pasou.