O Concello de Salceda de Caselas vén de rematar a adecuación de dúas novas zonas de aparcamento no entorno do novo centro de saúde, na Rúa Mártires de Sobredo. Os espazos, que suman en torno a 2.200 metros cadrados e supoñen a creación de 100 novas prazas de estacionamento de balde no casco urbano, estarán dispoñibles para ser usados nas vindeiras semanas, unha vez se proceda ao pintado da zona. Neste caso trátase de dous terreos municipais, que agora se poñen a disposición da veciñanza.
Con este son xa 16 os aparcamentos esparexidos por todo o núcleo urbano en zonas comerciais e administrativas. “Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila, seguindo o previsto no plan de mobilidade sustentable de Salceda, na procura de permitir o estacionamento práctico, cómodo e gratuíto para os novos espazos da vila”, indica o Concello.
A apertura do novo centro de saúde está prevista para este verán. A actuación comprende tamén a creación de prazas reservadas para o persoal sanitario, ambulancia e persoas con discapacidade.
“Levamos creado case 1.000 prazas de aparcamento gratuíto no centro da vila, o que se fai máis importante que nunca nun momento como o que estamos a vivir, en que se fai fundamental a recuperación de espazo para as persoas. Coa adecuación destes novos espazos damos o último paso para a esperada apertura do novo centro de saúde. Salceda está preparada para esa gran data”, sinala Loli Castiñeira, alcaldesa de Salceda.