Máis polo miúdo, a DepoRuta BTT de Salceda de Caselas ten como punto de saída a Praza do concello, dende este lugar iniciarase a ruta cara ao río Tea, enlazando diferentes sendeiros ao carón do río ata chegar a Ponteareas. Posteriormente, no quilómetro 19 atópase o avituallamento e, a partir dese punto, comezará a parte máis exixente do percorrido de regreso cara o punto de partida.
Tras a cita de Salceda de Caselas, a seguinte e última DepoRuta BTT terá lugar o 27 de outubro en Cangas. Para esta proba o prazo de inscrición para as 300 prazas dispoñibles estará aberto ata o vindeiro 23 de outubro na web da Deputación de Pontevedra.
A institución provincial organiza este ano un total de cinco DepoRutas BTT, que saen dende Meis, Silleda, Nigrán, Salceda de Caselas e, a vindeira semana, Cangas. Esta iniciativa da institución provincial está estreitamente vinculada co turismo medioambiental, coa sustentabilidade e coa posta en valor do territorio, tanto da costa como do interior da provincia.