O Concello de Salceda de Caselas presentou esta semana unha solicitude formal á Subdelegación do Goberno para pedir que se reforce a vixilancia no municipio por parte dos diferentes corpos de seguridade do Estado para garantir a seguridade da veciñanza e evitar que poidan suceder acontecementos que teñamos que lamentar, «como por desgraza xa aconteceu en algunha ocasión no noso municipio».
O escrito, firmado pola alcaldesa María Dolores Castiñeira, expón que «nas últimas semanas estamos a detectar un incremento de actos de incivismo no noso municipio que están a afectar a convivencia pacífica e o descanso da nosa veciñanza (aglomeracións nas zonas de ocio nocturno, ruídos ata altas horas, incumprimentos das normas vinculadas á COVID 19,
festas en vivendas particulares, etc)».
Engade tamén a preocupación polas carreiras ilegais de coches. «Preocupante está a ser tamén o incremento de actos de condución temeraria que fan que ultimamente se nos estea a facer coñecedoras de carreiras ilegais de coches, derrapes e outras accións temerarias que poñen en serio perigo a seguridade de viandantes, así como do resto de vehículos que fan uso das vías públicas», subliña.
A plantilla da Policía Local de Salceda de Caselas, conformada por cinco axentes e un auxiliar, «fai inviable unha cobertura de 24 horas e coa presenza precisa para afrontar tódolos
feitos que vimos de mencionarlle».
A situación, prosegue, estase a dar tamén no resto de municipios do contorno, polo que constitúe un problema global que está a afectar á sociedade nun momento tan complexo como o que estamos a vivir por mor da pandemia do coronavirus. «A comunicación entre este Concello e o corpo da Garda Civil do cuartel de Torneiros (Porriño) é continua e con un afán absoluto de colaboración por ámbalas duas partes. Pensamos que se está a facer un bo traballo pola súa banda aínda que tamén somos conscientes da carencia de medios no seu
corpo, sobre todo no que a persoal se refire», aseveran as mesmas fontes, que tamén anuncian que próximamente convocarán unha Xunta Local de Seguridade na que poder analizar esta e outras cuestións.