Dende este martes 26 de xaneiro e ata o vindeiro luns 15 de febreiro permanecerá en exposición pública a nova numeración do casco urbano de Salceda de Caselas, para que as persoas afectadas poidan realizar alegacións se o consideran oportuno. Os documentos pódense supervisar xa na web do Concello. Para consulta presencial ou aclaración de dúbidas é preciso pedir cita previa a través da páxina ou dos teléfonos municipais.
A do casco urbano é a primeira fase do proxecto de revisión e actualización da numeración das vivendas de todo o municipio. Cando remate o proceso no casco urbano será o quenda das parroquias, para as que xa se están a rematar os traballos previos.
A acción, que conta con un orzamento de 14.730 euros, está financiada na súa totalidade polo Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra e ten unha “grande importancia” para a súa utilización noutros usos municipais. Segundo explica o Concello, o proceso está a ser realizado por unha empresa especializada en coordinación cos técnicos municipais e de acordo coas normas ditadas polo Instituto Nacional de Estatística (INE) para tal fin.
Con esta iniciativa, que “dá resposta a diversas solicitudes veciñais”, resólvese tamén o histórico problema da identificación dos barrios no rural. O proxecto servirá tamén para “solucionar moitos dos problemas das entregas do servizo de correos, que en moitas ocasións se vían dificultadas pola numeración das vivendas, sobre todo nas zonas máis rurais, nas que non sempre resulta doado seguir a numeración existente”.
O proceso completarase coa colocación de placas de identificación en todas as vivendas do municipio, nas que se incluirá o nome da vía, praza, barrio, etc, así como o número da vivenda, o que suporá a solución definitiva aos problemas de situación que se están a dar neste momento. Esta segunda fase custará 18.029 euros, tamén financiados dentro do mencionado Plan Concellos 2020 da Deputación Provincial de Pontevedra.
“Despois dun esforzo económico e de xestión importante por parte do Concello, tócanos agora solicitar a colaboración e comprensión da veciñanza, para dar unha solución definitiva a unha situación que se viña agravando pola construción de novos inmobles e polo aumento exponencial da demanda dos servizos de mensaxería e transportes”, indica a alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira.