Os mercado de abastos de Salceda de Caselas e de A Guarda veñen de ser obxecto de actuacións que permitiron reformar ambas instalacións. No primeiro caso, as obras serviron para solucionar os problemas de filtracións e, amais, habilitar un novo espazo de uso común e mellorar a accesibilidade e a sinalización.
As dúas intervencións foron financiadas con achegas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor, e a deputada Raquel Giráldez coñeceron a remodelación efectuada nas instalacións no encontro mantido coa alcaldesa, Verónica Tourón, e representantes da corporación, cos que visitaron posteriormente a mellora realizada no camiño municipal de acceso a Outeiro, financiada tamén a través do plan provincial. En total, en ambas actuacións a achega da Deputación sumou preto de 50.000 euros.
No que atinxe ao mercado de abastos, os traballos tiveron tres eixes. Dunha banda, restituíronse as cubertas actuais para solucionar os problemas de impermeabilización que provocaban humidades nas zonas das cámaras e sobre a cuberta do futuro bar. Amais, dotouse ao edificio de dous novos aseos adaptados, que ocupan a zona dun antigo posto do mercado e para cuxo acceso habilitouse un novo espazo de uso común que sirve de distribuidor.
Por último, mellorouse a sinalización dos postos existentes, mediante paneis troquelados lacados e executouse a da nova zona de aseos. As obras tiveron un orzamento de 75.625 euros, dos que a Deputación financiou un total de 25.625 euros a través do Plan Concellos 2020.
Por outra banda, a actuación levada a cabo no viario de Outeiro responde á mellora que o Concello está a efectuar na súa rede de estradas, a fin de garantir a súa seguridade, e consistiu no ensanche da plataforma e a mellora da pavimentación do citado camiño municipal, situado na parroquia de San Xurxo e que dá acceso a Outeiro partindo da estrada provincial EP-2501 entre Salceda e A Picoña.
Os traballos permitiron renovar o pavimento deste viario, que se atopaba notablemente deteriorado e que ten un elevado nivel de uso, e tamén ensanchalo en dous tramos que contaban cunha una escasa anchura de plataforma. Ademais, acometéronse obras de mellora da drenaxe de augas pluviais ao longo do camiño, concretamente nos primeiros metros de percorrido desde a estrada provincial. A nova pavimentación acometeuse co estendido e compactado dunha capa de rodadura con mestura bituminosa en quente.
A Guarda
Pola súa banda, o mercado da Guarda loce xa o seu renovado aspecto despois das obras de reforma levadas a cabo para dotalo de maior luminosidade e seguridade e coas que tamén gañou un novo espazo de lecer na terraza, dentro do obxectivo do Concello de seguir potenciando este espazo municipal. O Santos Héctor Raquel Giráldez visitaron xunto ao alcalde, Antonio Lomba, o renovado edificio no que se investiron preto de 50.000 euros, dos que 20.500 foron financiados a través do Plan Concellos 2020 da Deputación.
As actuacións levadas a cabo incluíron a mellora do pavimento existente na planta baixa, así como a adecuación de dous postos, aínda que o cambio máis vistoso é a reforma na terraza, na que se habilitou a nova zona de lecer para as persoas usuarias, que nun futuro se espera complementar cunha cafetería.
Por outra banda, no andar superior instalouse un novo pavimento antibacterias e antiesvarante de gres cerámico con partículas de prata, que supuxo unha mellora considerable e que está conformado por pezas especiais que dan continuidade entre os paramentos facilitando a súa limpeza, asegurando en todo momento unhas boas condicións de desinfección. As obras complementan outras anteriores levadas a cabo polo Concello encamiñadas a seguir modernizando estas instalacións municipais para dinamizar a actividade comercial do municipio.