A Concellería de Cultura e Festexos, dirixida por Alex Rodríguez ven de presentar, acompañado pola alcaldesa Loli Castiñeira e polo equipo de goberno a programación do Verán Cultural e as Festas do Cristo, nas festas máis longas e importantes do noso concello.
As actividades do verán Cultural son unha clara mostra do Salceda Móvese, xa que moitas das actividades son desenvoltas ou contan coa colaboración do tecido asociativo do noso Concello. No caso do ano 2024, son sete as actividades nas que tamén estarán presentes os nosos colectivos. unha programación que se estenderá dende o martes 9 ata o luns22 e que está deseñada pensando en que todas as persoas poidan participar e gozar delas. Haberá actividades para todos os públicos, xa sexan infantil ou adulto, asi como para a nosa mocidade.
O Concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez resalta a importancia que as citas do verán cultural teñen no dinamismo de Salceda, que ademais conta con citas xa asentadas e con anos de percorrido como o XXXI Festival de Bandas de Música en colaboración coa Banda Cultural de Salceda ou o Vaia Cristo, coorganizado pola ACDE Treze Catorze.
Dúas semanas que culminarán coa fin de semana grande, na que as protagonistas da troula serán as verbenas e que contarán ademais coa actuación da fadista Erea Castro, e culminarán o luns do Cristo coa Orquestra Tango.
Por outra banda, a alcaldesa Loli Castiñeira destacou os actos que serven para homenaxear a diferentes persoas e colectivos de Salceda, como o estourazo ou o Acto Cívico dos/das Salcedenses Distinguidos/as, que se celebran o sábado e domingo das Festas do Cristo, e que estarán precedidos polo tradicional desfile da Agrupación Gaiteira de Salceda polas rúas da Esfarrapada, a partir das 20:00 no sábado do Cristo.
Loli Castiñeira, Alcaldesa de Salceda: “Esta é a manifestación e o sentido do nacemento da plataforma social Salceda Móvese, por en valor o traballo do gran tecido asociativo do noso Concello e que fai que sintamos un orgullo tremendo por ser único.”
O mes de xullo en Salceda é sen dúbida a época con maior dinamismo do ano, na que durante semanas toda a veciñanza pode gozar a diario das actividades culturais, ateigando os distintos espazos e lugares onde se desenvolve. Para iso é imprescindible a colaboración de toda a veciñanza, do voluntariado e do persoal municipal, para que as actividades sexan todo un éxito.