A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, visitou este martes xunto á alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeiras, dúas obras levadas a cabo con achegas da institución provincial neste concello cun investimento próximo ao millón de euros. Trátase da urbanización do antigo Campo da Feira da Devesa, incluída no Plan DepoRemse, e a actuación de mobilidade sostible na estrada provincial EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano.
A reforma levada a cabo no antigo Campo da Feira da Devesa (a zona de entrada e saída da localidade), que fora o centro neurálxico e histórico da vila, permitiu habilitar “un espazo totalmente distinto e aberto, onde os peóns son os protagonistas e os vehículos son accesorios, porque é a xente a que vai desfrutar de todo esta zona”, segundo Silva.
A obra, cun orzamento de máis de 480.000 euros, permitiu dotar á vila, como engadiu a alcaldesa Dolores Castiñeiras, dunha nova praza “de estética fermosa” de 4.000 metros cadrados, que conta cunha área de xogos infantís e equipamentos para maiores. Amais, renováronse as redes de abastecemento e electricidade, e dotouse á contorna dunha nova iluminación en LED. Carmela Silva destacou así mesmo que neste novo espazo “pódense realizar múltiples actividades” e subliñou a iniciativa do Concello de dotalo dun punto de Libro Viaxeiro “para que as nenas e os nenos poden levar e deixar os seus libros”. “É unha gran idea do que se pode facer nun espazo público”, apuntou.
A presidenta tamén visitou a mellora realizada na EP-2505 ao seu paso polo núcleo urbano de Salceda (rúa Gándara), na que a Deputación investiu medio millón de euros. O obxectivo era humanizar esta contorna, habilitando espazos seguros para os peóns. A actuación realizouse nun tramo de 350 metros e incluíu tamén a reordenación da intersección entre a rúa Gándara e a avenida de Galicia cunha glorieta. A obra, conecta de maneira segura o centro urbano co espazo de lecer nas beiras do río Landres.