O Concello de Salceda levará a cabo as obras da primeira fase da construción dunha área recreativa na rúa Mártires de Sobredo, fronte ao novo centro de saúde que a semana próxima entrará en funcionamento. O proxecto, que conta con un orzamento de 39.612 euros, estará financiado con cargo ao Plan Concellos 2020 da Deputación de Pontevedra.
A intervención proposta recuperará a parcela existente, ademais da creación dunha área recreativa sostible, dotada de elementos para ocio encamiñada a persoas de entre 8 e 14 anos de idade. Crearase un circuíto de ocio e lecer e acondicionarase a área delimitada, eliminando vexetación, regularizando a superficie da parcela, e instalando mobiliario urbano.
Sen dúbida o maior atractivo para a rapazada será a tirolina de máis de 20 metros que se instalará na zona, que formará unha zona de ocio xunto cunha pirámide de escalada de máis de tres metros de altura, a instalación de mesas e bancos de pedra, unha fonte e aparcadoiros de bicicletas e patinetes.
“Esta actuación dá resposta ás solicitudes realizadas en moitas ocasións polos nenos e nenas, que ansiaban contar con un espazo acorde ás súas idades e que agora se verá feito realidade”, explica o Concello. Nunha segunda fase engadirase nesta zona a construción unha pista multideporte e de skate que se poderá crear unha vez se desenvolva o Peri UE-2. “Non podemos esquecer que Salceda é un dos concellos galegos cunha maior taxa de natalidade e cunha menor idade media, polo que resultan fundamentais as actuacións encamiñadas aos nenos e nenas, intentando abarcar as diferentes idades en cada un dos espazos creados”, sinala a administración local.