A piscina municipal, “a utopía coa que Bueu soñaba” en palabras da presidenta da Deputación, Carmela Silva, quedou hoxe inaugurada nun acto oficial organizado polo Concello cun estrito protocolo de seguridade anticovid19 e ao que, ademais do alcalde, Félix Juncal, asistiron 105 persoas con invitación previa, os deputados provinciais Santos Héctor e María Ortega e representantes dos concellos da comarca do Morrazo. Carmela Silva, que confesou a súa emoción “neste día feliz” aproveitou o acto para reivindicar a necesidade da política, que definiu como “a capacidade para sacar adiante proxectos colectivos que melloren a vida da xente, e iso”, continuou, “é algo que hai que dicir moito, sobre todo nestes tempos de confrontación total”.
A nova instalación, que é un modelo no uso de tecnoloxías eficientes e sostibilidade, tivo un orzamento final de 2.710.532,36 euros, achegados integramente pola Deputación de Pontevedra a través do Plan de Reequilibrio (1,5 millóns de euros) e o resto a través de partidas correspondentes ao Plan Concellos para o Concello de Bueu. As obras foron executadas pola empresa Obras y Servicios Sánchez Crespo S.L.
“Hai cinco anos dixéronme que este era o soño de Bueu, a súa prioridade, unha utopía que había que facer realidade e hoxe estamos aquí; hoxe é o día das veciñas e veciños de Bueu”, destacou a presidenta. Silva recalcou que se trata dun “edificio non só fermoso, senón un edificio con valores, pensado con cabezas que saben que cando construímos hai que ter respecto polo medio ambiente e, ademais, é unha dotación municipal que achega espazos públicos amplos e de calidade para a xente”.
A presidenta da Deputación remarcou que ata hai 5 anos “moitos concellos desta provincia levaban moito tempo abandonados, sobre todo os de menos de 20.000 habitantes, e iso era algo que había que cambiar porque todo o mundo ten que ter os mesmos servizos viva onde viva; as políticas sobre despoboamento requiren de máis recursos e menos palabrería”.
Félix Juncal, visiblemente emocionado durante a súa intervención, subliñou que a Deputación cambiou con Carmela Silva: “Sempre che estarei agradecido por ser a presidenta que es, unha presidenta que transmite dende os seus valores e emocións, porque a política non se entende sen emocións, sen vivir con intensidade e con responsabilidade o cargo que se ocupa”. “A nova Deputación é máis transparente, máis democrática e máis receptiva coas sensibilidades dos concellos”, afirmou. O alcalde congratulouse de que “aquelas dificultades que tiñamos no pasado desapareceron“. ”Nós tiñamos un soño e tivo que chegar un novo goberno bipartito á Deputación para facelo posible, facendo que Bueu teña futuro, que hoxe asistamos ao primeiro día do Bueu do futuro”.
Finalmente lembrou o longo camiño, “no que xurdiron dificultades e no que este alcalde tamén tivo malos días“, transitado dende que hai tres anos, cando o proxecto foi aprobado polo Concello. Agora, coas obras rematadas, realizaranse as últimas probas de maquinaria e instalacións, completarase o equipamento interior e, a continuación, a piscina porase ao servizo da veciñanza.
A inauguración celebrouse con estritas normas de seguridade e ao aire libre, na praza exterior creada no acceso e cun aforo de 105 persoas que acudiron con invitación previa. O acto contou tamén coa actuación musical da banda de gaitas Manxadoira e a proxección dun vídeo resumo do proceso construtivo. Ao remate descubriuse unha placa no vestíbulo coa inscrición: “Un novo espazo para soñar”. Finalmente houbo unha visita guiada ás instalacións en grupos reducidos de 10 persoas.
O edificio, cunha superficie construída de 2.800 metros cadrados, sitúanse nunha parcela de As Lagoas creando un novo espazo de centralidade en Bueu. O inmoble destaca pola súa estética exterior, cun cerramento de aceiro inoxidable en dobre “pel” e distribuído en semisoto, andar baixo e dous andares. No seu interior alberga unha piscina de 25 metros por 15 metros, con 6 rúas, salas de aeróbic, relaxación, fitness, masaxes, actividades dirixidas e ludoteca. Ademais de tres vestiarios, dúas saunas, cafetería-mirador, unha pequena terraza e tódolos espazos necesarios para as instalacións e funcionamento interno.
O proxecto foi cualificado como “experimental” ao achegar solucións moi innovadoras que incrementan notablemente a eficiencia enerxética e a sostibilidade. Así, empréganse solucións construtivas alternativas a partir dos problemas que se teñen manifestado noutras piscinas tanto no relativo á condensación como ao elevado consumo enerxético. En concreto destaca o sistema de deshumidificación, baseado nun “cerramento colaborante” e que debería supor un importante aforro na factura eléctrica. A climatización ambiental está resolta por medio de muros especiais (muro trombe) que captan a calor solar e coa utilización intensiva de paneis fotovoltaicos de última xeración. Outros detalles construtivos singulares pasan polo sistema de cobertura do vaso da piscina, que permite tapar cada rúa por separado e maximizando así o control da evaporación. A maiores, destacan os revestimentos interiores, incluídos os falsos teitos, realizados en aluminio visto, material moi reflectante e que axuda tamén ao aforro pola súa capacidade de mantemento da temperatura e contribución á difusión da luz. Finalmente, o carácter sostible do proxecto queda remarcado pola utilización intensiva de materiais plenamente reciclables, entre os que destaca o aceiro inoxidable do exterior.
A Deputación de Pontevedra ten investido en Bueu nestes últimos cinco anos (dende o cambio de Goberno á fronte da institución provincial), máis de 9,4 millóns de euros. Neste tempo realizáronse case 20 obras e subministracións financiadas co Plan Concellos. Este mesmo ano, e a través deste instrumento, finánciase o acondicionamento da rúa de acceso á nova piscina, o acondicionamento da contorna da igrexa de Ermelo e varias obras de abastecemento de auga e saneamento. A maiores, 124 traballadores/as foron contratados para prestar funcións relacionadas con servizos municipais con financiamento da Deputación.