Fixo estas declaracións en Cangas na inauguración dunha escultura en memoria de María Soliña, doada pola Deputación a través da Escola de Cantaría e realizada por dous alumnos do propio centro.
Neste acto tamén participou a deputada responsable da Escola de Cantaría, Montserrat Magallanes, así como o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, o alcalde de Vilaboa, José Luís Poceiro, e os dous artífices da obra, Santiago Rey López e Víctor Manuel Casal Nogueira.
Con esta escultura quérese homenaxear a figura de María Soliña, que se ten convertido nun símbolo de sufrimento do pobo, especialmente das mulleres perseguidas. “Parabéns ao pobo de Cangas porque xa ten de volta á súa veciña María Soliña”, manifestou a presidenta, referíndose así á ausencia de datos sobre a súa defunción e enterramento.
Carmela Silva salientou a importancia deste acto como unha homenaxe máis ás mulleres da nosa historia “que foron ninguneadas durante séculos e que agora temos o deber de reivindicar o seu papel”. Puxo tamén coma exemplo que aínda onte se celebrou a xornada inaugural da Escola de Igualdade María Vinyals, que leva por nome o dunha das mulleres precursoras do feminismo galego.
A presidenta destacou que, deste xeito, dende a Deputación se ten as políticas de igualdade como unha das prioridades de goberno, non só creando un servizo pioneiro de Igualdade ata o momento inexistente, senón promovendo as medidas de igualdade de xeito transversal entre todos os departamentos.
Tras as intervencións, durante o acto de inauguración da escultura, cantouse o coñecido poema sobre María Soliña que escribiu Celso Emilio Ferreiro na súa “Longa noite de pedra”. Déuselle cabida así só a algunha das moitas creacións artísticas que María Soliña ten inspirado ao longo da historia, xa que ten sido motivo de múltiples poemas, ilustracións, retratos ou longametraxes.