Caldas, Cangas, Lalín, Moaña, Pontevedra, Redondela, Tomiño, Tui, Vigo e Vilagarcía de Arousa son os concellos nos que se organizarán performances para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero que é o 25 de novembro.
Carmela Silva destacou que “no que levamos de 2015 foron 48 as mulleres asasinadas polas violencias machistas polo que a través de “Mulleres en acción: violencia zero” a Deputación de Pontevedra quere reivindicar a igualdade de xénero e poñer o foco de atención no estado actual da violencia machista no noso país, impulsando e dando visibilidade, ademais, as artistas novas galegas, mulleres que ocupan un espazo moi relevante no mundo artístico e cultural e que, ademais, teñen un compromiso claro coa igualdade e loita contra as violencias machistas”.
A Presidenta engadiu que o proxecto quere “facer partícipe á cidadanía, que será co- creadora das pezas colectivas nos distintos espazos públicos, co obxectivo de impulsar a reflexión crítica social e incentivar a integración de mulleres e homes na loita contra unha realidade que nos afecta a todas e a todos”.
As performances serán retransmitidas en directo desde o perfil da Deputación de Pontevedra en Twitter, coa etiqueta #ViolenciaZero e mencións ós concellos e artistas participantes. Ademais, e dun xeito máis sumarial e con maior detalle, irase publicando máis información en Facebook e nas outras redes sociais da institución provincial que recollerá o acaecido en cada acto celebrado nos concellos participantes. A Presidenta tamén subliñou que a partir de hoxe farase visible o blog creado para o proxecto https://mulleresenaccion25n.wordpress.com.
“Mulleres en acción. Violencia Zero” estará integrado polas accións artísticas de 11 creadoras galegas novas que realizarán oito propostas inéditas que reflexionan de xeito crítico sobre a problemática da violencia de xénero. Desta forma, a axenda prevista para o 25 de novembro é a seguinte:
Pontevedra (#Pontevedra): Ana Gesto (@anagesto1) intervirá ás 12:00 horas na Praza da Peregrina coa súa acción “Nin unha menos”.
Vigo (@xuventude_vigo/ #Vigo): Carme Nogueira (@carmenogueira) dará a coñecer ás 19:00 horas na Rúa do Príncipe o proxecto “Not for sale: feminism and art in the USA during the 1970s”.
Cangas (@cangasdomorrazo): Rosa Neutro intervirá ás 12:30 horas na fachada do Concello e ás 19:00 no Centro Municipal de Benestar coa súa acción “Empatía”.
Moaña (@concellomoana): Mery Pais difundirá “O perfecto imperfecto” ás 12:00 horas na Praza de Abastos.
Vilagarcía de Arousa (@VGAarousa/ #Vilagarcía): Adriana Pazos e Iria Acevedo (@auladeideas) darán a coñecer “Cogombros en vinagre” ás 13:00 e 19.30 horas no Salón de Plenos do Concello.
Redondela (#Redondela): Ánxela Blanco (@AnxelaBlanco) presentará ás 12:00 no Concello “Penélopes”.
Tui (@ConcelloTui/ #Tui): Neves Seara dará a coñecer “Amante de sal” ás 12:00 horas na Praza da Catedral.
Caldas de Reis (#Caldas): Paulova (@soyPaulova) presentará “Merengue” ás 12:00 horas no Paseo Román López.
Tomiño (@TominoCultura / #Tomiño): Laura Piñeiro (@laurapineirocom), durante todo o día, dará a coñecer “Estrategias para el desvelo” na Praza do Concello.
Lalín (@ConcelloDeLalin/ #Lalín): Mónica Mura (@monicamura) presentará “Ámame, non me ama” ás 12:00 horas na Praza da Igrexa e ás 19:00 horas no Centro Comercial.
A maiores das actuacións artísticas, realizaranse dous actos centrais en Pontevedra ás 12:00 na Praza da Peregrina e en Vigo ás 19.00 en Urzáiz. Durante estes actos, haberá sendas comunicacións vía Skype co resto dos Concellos nos que se están a realizar as performances, co obxectivo de unir forzas e visualizar as diferentes accións nas distintas localidades, e así, desde Pontevedra contactarase con Tomiño, Caldas, Tui, Moaña, Lalín, Redondela, Vilagarcía de Arousa e Cangas e desde Vigo con Tomiño, Cangas, Lalín e Vilagarcía de Arousa. En Vigo proxectarase, ademais, un resumo de cómo transcorreu a acción simultánea ó longo da xornada nos distintos concellos.