Segundo informou a Xunta, o Goberno galego, no marco da oferta de liñas de transporte ao novo complexo hospitalario de Vigo, vén de autorizar a ampliación de tráficos da empresa Transportes La Unión, que presta servizos dende Cangas e Moaña a Vigo. Neste sentido, increméntase o seu percorrido, dende Bouzas ao hospital.
Trátase de tres servizos de luns a venres laborables que pasan por Cangas ás 08:35, 09:15 e 16:00 cara ao hospital e volven a Moaña e Cangas ás 11:45, 13:00 e 20:15 horas.
Estas liñas súmanse ás xa autorizadas en xullo e setembro e en servizo directo a 20 concellos ademais de Vigo, co que o novo hospital contará con transporte dende 23 concellos coa posta en marcha desta nova liña, engade a Xunta.
A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, mediante estas accións, pretende mellorar a calidade de vida dos cidadáns, neste caso dos veciños de Cangas e Moaña, dotándoos duns servizos axeitados que faciliten a súa mobilidade.