Familiares de residentes en DomusVi Aldán-Cangas concentráronse por segunda semana consecutiva ante as portas da residencia para denunciar a precariedade dos servizos asistenciais que se prestan nas instalacións ós anciás. Segundo informou o colectivo REDE, esixen información «clara e transparente» sobre o sucedido no interior da residencia nos «días negros de marzo e abril, que deron como resultado espantoso a morte de 38 persoas».
Este domingo, como acto simbólico, levouse a cabo a colocación de 38 lazos, 38 crespóns, nas verxas do perímetro da residencia. As familias aseguran que DomusVi Aldán contratou recentemente novo persoal de enfermería pero que aínda ten sen cubrir once prazas de auxiliares de enfermería e xerocultoras que están de baixa, libres de servizo por ser persoal de risco, ou ausentes do traballo por diversas causas polo que aínda non ten solucionado o seu problema de falta de persoal.
Ademais, acusan á Consellería de Política Social de consentir esta situación «en clara conivencia, ou pior, mentindo a favor da empresa», do que responsabilizamos á conselleira e ao director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade. «Desexamos e pedimos que os médicos de familia dos residentes ou un equipo especializado valore as secuelas que nos residentes deixaron tanto a Covid-19 como o confinamento, sabendo da existencia de graves deterioros cognitivos e musculares, e que se aplique con urxencia un programa de rehabilitación aos residentes que o precise», apunta desde a Federación REDE.
As familias tamén solicitan unha mellora na calidade da comida e na hidratación, así como saber canto se gasta diariamente na comida de cada residente. Ademais, reivindican «o fin da opacidade» de DomusVi e da Xunta de Galicia sobre cuestións como o número exacto de falecidos na residencia de Aldán ou «quen e por que se decidíu que na residencia de Aldán non se trasladasen as persoas infectadas aos hospitais».
«Isto poido producir un número de mortos atroz dentro da residencia, pero tamén queremos copia de todo o expediente médico dos nosos familiares, seus pesos, e número de caídas no último ano. Queremos que se cree un órgano de participación e representación de familiares e residentes, semellante as APAs dos colexios. Queremos que se remate cos abusos económicos que raian a estafa, e que se nos entregue unha factura detallada de cada mes e con ela copia dos recibos de cada gasto extraordinario», aseguran.