A asociación Vellez Digna convocou para este luns, 24 de maio, ás 19:30 horas unha concentración fronte ao concello de Cangas. Os familiares das vítimas en residencias de maiores demandan xustiza e unha comisión de investigación parlamentaria.
Nun comunicado, o colectivo reclama un incremento do persoal e medios de inspección nas consellerías de Sanidade e de Política Social, así como servizos públicos «universais e de calidade» para a dependencia e órganos de participación nas residencias.
«Segue sen investigarse xudicialmente. ¿Por que entre os usuarios de residencias houbo unha mortalidade por covid moitísimo maior cos da súa mesma idade e estado de saúde que viven fora delas? ¿Por que unhas residencias, a pesar de entrar o covid, so tiveron casos contados e noutras en cambio o contaxio foi masivo?», pregúntase Vellez Digna.
Segundo indica a asociación, hai diversos estudos sobre o envellecemento que demostran que o illamento social ten efectos prexudiciais na saúde mental, no funcionamento físico e cognitivo e na lonxevidade, os residentes aínda seguen sen recibir rehabilitación algunha nin polas consecuencias do confinamento, nin, no seu caso, polas secuelas da covid.