Familiares das residencias da área de Vigo concentráronse este domingo diante do edificio do xeriátrico de DomusVi Barreiro (Vigo) como sinal de honra ás 270 persoas maiores e dependentes falecidas na xestión da pandemia nas residencias, dende marzo. A concentración, e andaina pola contorna da residencia, foi convocada polas asociacións de familiares dos xeriátricos de DomusVi en Vigo (Asfareba) e en Cangas (Vellez Digna), co respaldo da federación galega de familiares REDE e da asociación de familiares da residencia pública de Bembrive (Vigo).
Os concentrados volveron a pedir explicacións e transparencia sobre o acontecido dentro das residencias e recalcaron a necesidade de que o Parlamento de Galicia cree a Comisión de Investigación das residencias, comisión que demandaron esta semana pasada as organizacións de familiares e os partidos da oposición.
A residencia de DomusVi en Barreiro, xunto coa de Aldán (Cangas), foran as primeiras grandes residencias de Galicia golpeadas polo coronavirus, polo que se considerou a área de Vigo a ‘zona cero’ da pandemia en marzo. Xa no 17 de marzo, REDE solicitara a intervención pública destas residencias, que se producíu 13 días despois, o 30 de marzo.
Os centros de DomusVi en Barreiro e Aldán se significaron como as dúas primeiras residencias intervidas no Estado español, e a Xunta de Galicia xustificou a acción como o xeito de garantir a saúde e a vida dos anciáns residentes. Este 30 de agosto vai para cinco meses desa intervención. O virus e a xestión da pandemia deixaron un pavoroso saldo nestas dúas residencias: 85 persoas maiores e dependentes falecidas (47 en Barreiro, 38 en Aldán) e arredor de 200 usuarias e traballadoras afectadas pola infección.
As organizacións convocantes da concentración desta mañá en Vigo tamén a situaron como sinal de atención sobre a desazón que rodea nestes momentos ás familias das persoas maiores que están ingresadas nas residencias galegas, “ante o grave perigo que de novo rodea a estos centros pola nula corrección de erros que se observa nos xeriátricos para evitar que a pandemia se propague de novo; volvemos sobre o punto fatídico, que non é outro que a sistemática falla de persoal e incluso de elementos de protección”, subliñou Paulino Campos, presidente de REDE.
“Desazón que inclúe ó incremento de medidas de restrición nas visitas dos familiares, con vulneracións reiteradas de nomativas, cando non se produce o feche irregular das instalacións, quedando as familias, e as usuarias, desamparadas, espidas de dereitos, nuns actos que están máis preto do secostro de persoas, do confinamento forzado en búnkeres, que de medidas proporcionadas a realidades epidemiolóxicas, sobre todo cando empresas e administración non fixeron os deberes, que é, básicamente, garantir un número apropiado de persoal, formado e informado, nas residencias, fundamental para a contención do coronavirus. Neste sentido, estamos nunha situación peor que na previa da pandemia de marzo, estamos nas portas doutra hecatombe”, asegura.
Tanto familiares como traballadoras continuarán con actos reivindicativos ó longo do mes de setembro: o día 3 diante da sede central estatal de DomusVi, en Vigo; o 6, 13 e 20 en vilas do Morrazo; o 11 na praza maior de Celanova; o 25 nas rúas de Vigo; e o 26 na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela