A nova do pasamento do alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, causou un profundo sentimento de pesar e dor tanto na vila como en toda Galicia. Decenas de mostras de dor inundaron este martes a súa capela ardente, instalada no Concello, e o pésame chegou desde todos os ámbitos políticos, sociais, económicos, culturais e deportivos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, foi un dos múltiples persoeiros que se sumou este martes ás mostras de dor. “Temos unha sensación de moita pena porque era un grande alcalde e unha grande persoa”, sinalou.
Mestre, escritor e dramaturgo, Pazos estaba moi relacionado con mundo da cultura e foi o fundador da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas.
Concelleiro de Cultura en dúas etapas, entre 1995 e 1996 por Esquerda Galega e entre 2007 e 2009 por Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), tamén foi parlamentario autonómico.