Para comezar, o sábado 9 de decembro, 45 persoas da Escola Tempo Libre – Xaruma, de Vigo, farán unha ruta cultural na que visitarán o Castro de Santa Trega, na Guarda; o Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); o conxunto histórico de Tui; o monte Aloia e o Alto dos Cubos.
Pola súa banda, o domingo 10 de decembro, 106 persoas do Club de Pensionistas Airiños de Aldán e Hío percorrerán Meis para coñecer o mosteiro da Armenteira, os muíños de Batán, o monte do Castro, o pazo de Señoráns e a Ruta da Pedra e da Auga.
O programa “En ruta coa Depo” pretende crear espazos de unión e convivencia a través do impulso da igualdade de acceso aos recursos turísticos, especialmente para as persoas con diversidade funcional. Amais, esta iniciativa ten por obxectivos impulsar actividades alternativas para o tempo de lecer xuvenil, promovendo o asociacionismo entre a xuventude e o ocio dinámico e saudable, así como rutas específicas onde nais, pais, titoras e titores poidan gozar coas nenas e os nenos dun ocio común, san, alternativo e divertido que faga doada a conciliación familiar e laboral durante as fins de semana ou estancias estivais.