Un dos tres premios que todos os anos distinguen aos tres mellores investigadores nacionais no campo do VIH recaeu nesta edición nun biólogo do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur ( IISGS). Trátase do cangués Guillermo Pousada, que traballa no Grupo de Enfermidades Infecciosas do Instituto de Investigación, ademais de participar nas consultas de VIH do Hospital Álvaro Cunqueiro a cuxo fronte están os doutores Antonio Ocampo e Celia Miralles.
Os tres premios deste ano déronse a coñecer o pasado mércores nun acto organizado polos laboratorios Janssen, que patrocinan este evento anual desde hai xa tres edicións.
Este galardón ten como obxectivo promover e recoñecer a labor investigadora dos mozos e mozas, cuxa traxectoria fixo importantes contribucións científico-técnicas no campo da infección polo VIH. O premio entrégase no marco do “Simposio Si” que cada ano reúne a especialistas en enfermidades infecciosas para abordar os últimos avances nesta patoloxía. “De feito, pensei que non o gañaría e foi unha grata sorpresa descubrir que fun un dos tres galardoados”, explicou Guillermo Pousada, que hai tres anos e medio que se incorporou ao IIS Galicia Sur.
Pousada, nada máis coñecer que recibía o galardón na presente edición, mostrou a súa satisfacción. “Supón un apoio moi importante para os que nos dedicamos á ciencia e a investigar; é un recoñecemento que redundará en beneficio de todo o equipo, sobre todo nestes tempos en que se necesita todo o apoio á investigación”, explicou.
O certame busca distinguir os mellores traballos de investigación traslacional relacionados co VIH, unha infección que aínda suma miles de novos diagnósticos ao ano en España.
Os premios recoñecen a traxectoria profesional, o currículo e os proxectos nos que traballan na actualidade os novos investigadores en VIH. “Agora mesmo temos aquí 5 diferentes”, sinala, como os de investigación do Virus do Papiloma Humano en pacientes con infección polo VIH, o estudo de diferentes infeccións de transmisión sexual en pacientes diagnosticados de COVID-19 (VIH, sífilis, hepatite C e hepatite B) e outro proxecto de simplificación a biterapia en pacientes con infección polo VIH.
O comité de avaliación dos premios valoraron a orientación traslacional do traballo dos candidatos. Tamén tiveron en conta as publicacións que dirixiron ou nas que participaron, e as súas intervencións en congresos, ademais de avaliar estadías noutros centros de investigación ou patentes.
17 Ensaios clínicos
Pousada exerce tamén como coordinador de ensaios clínicos de Enfermidades Infecciosas, o grupo que dirixe no IISGS a internista María Teresa Pérez. Só relacionados co VIH teñen en marcha nestes momentos 8 ensaios clínicos en fase III e IV nos que estudan diferentes tratamentos. “É un traballo moi emocionante, onde podo poñer en práctica todo o que aprendín ao longo da miña carreira como estudante. Ademais, teño o pracer de estar nun grupo moi dinámico e unido”, explica.
O grupo de investigación de Enfermidades Infecciosas desenvolve na actualidade 5 ensaios clínicos máis sobre distintos aspectos da Covid-19, que están en fase II e III. “Os ensaios de COVID-19 axúdannos a comprender mellor a enfermidade e a atopar novos tratamentos eficaces, xa que se sabe pouco sobre ela ata o momento, para o que é moi importante que a xente queira participar nos ensaios”.
Dende o grupo de investigación tamén coordinan outros 4 ensaios clínicos relacionados con outras patoloxías infecciosas.
Doutor en Biomedicina
Natural de Cangas do Morrazo, Guillermo Pousada licenciouse en Bioloxía na Universidade de Vigo na especialidade Fundamental e Sanitaria. Realizou un máster de Investigación en Metodoloxía e Aplicacións en Bioloxía Molecular e doutorouse en Biomedicina na Universidade viguesa, onde recibiu o premio á mellor tese doutoral polo seu traballo sobre as bases xenéticas e moleculares da hipertensión arterial pulmonar. Ademais realizou un máster sobre ensaios clínicos na Universidade de Sevilla.
Guillermo Pousada tivo o seu primeiro contacto con traballos sobre o VIH cando realizaba a súa tese doutoral, onde puido incluír na análise a 5 pacientes con hipertensión arterial pulmonar asociada ao VIH, unha enfermidade rara cun mal prognóstico, cuxa prevaleza estímase ao redor no 0,5%.