O pavillón do Gatañal, “templo” do balonmán galego, estrea nova faciana gracias aos investimentos realizados pola Deputación e que totalizan un investimento de máis de 246.000 euros con cargo ao Plan Concellos. Os deputados Santos Héctor e Gorka Gómez, acompañados da alcaldesa, Victoria Portas, e varios concelleiros, entre eles o delegado de Urbanismo e Deportes, Eugenio González, visitaron hoxe as instalacións e comprobaron as melloras nunha instalación deportiva que dende a súa estrea, en 1993, non tiña coñecido renovacións importantes.
A nova cancha, cun gasto de 150.000 euros, substitúe á anterior, completamente deteriorada polo desgaste de case tres décadas. Esta obra súmase á renovación das gradas retráctiles por outras máis modernas e funcionais, con 48.000 euros, unha actuación xa aprobada e que se vai realizar nos próximos días. Finalmente, e xa durante o ano pasado, acometeuse o cambio de todo o sistema de iluminación interior co investimento doutros 48.000 euros.
Santos Héctor amosouse gratamente sorprendido polo cambio de cara no interior do Gatañal. “Esta era unha reivindicación histórica”, explicou, “e son cartos moi ben investidos”. Destacou que non só mellorouse a cancha, senón que se vai optimizar o espazo para que o público estea máis cómodo. O deputado aplaudiu a xestión por parte do equipo de Goberno de Cangas, que soubo utilizar os aforros nas baixas doutras obras do Plan Concellos para sufragar a renovación das gradas e da iluminación. “Non cabe outra que felicitar aos que fixeron posible esta obra magnífica”. Santos Héctor concluíu que o Plan Concellos fai posible en torno a un milleiro de obras na provincia tódolos anos. “É unha ferramenta moi útil porque os Gobernos locais coñecen de antemán os recursos económicos que van recibir da Deputación e, o que é máis importante, teñen liberdade sobre onde e cando realizan eses investimentos”. “A Deputación”, concluíu, “respecta ás persoas que foron elixidas para defender a cada concello”.
Victoria Portas agradeceu o apoio da Deputación: “Cangas é a vila do deporte e o Gatañal, un referente, así que o mínimo que podiamos ofrecer era unha pista en condicións, posto que levaba moitos anos deteriorada”. A nova alcaldesa da localidade do Morrazo agradeceu tamén a “filosofía” do Plan Concellos. “Hai que valorar que nos dean opción a facer infraestruturas que cos nosos medios non serían posibles”.
Unha nova cancha homologada e con madeira de faia
O resultado das obras é a modernización dun pavillón no que o Frigoríficos do Morrazo-Balonmán Cangas compite na Liga Asobal. A principal deficiencia viña dada polo estado da cancha, que foi completamente levantada para substituíla por unha pista homologada e en perfectas condicións. Orixinariamente o pavillón contaba con pavimento de PVC. Anos despois colocouse tarima de madeira e, finalmente, cubriuse coa lámina azul para a práctica do balonmán. O tempo transcorrido e a falta de ventilación tiña esgotado a vida útil da madeira. O Gatañal dispón agora dunha superficie deportiva de última xeración, de alta durabilidade, con tarima de madeira de faia pintada e acabada cun verniz especial.
A nova grada retráctil, que será colocada de xeito inminente, mellorará a funcionalidade e permitirá tamén cumprir a normativa derivada do Código Técnico da Edificación. Está equipada con asentos individuais e ten unha estrutura máis lixeira. Ademais é “motorizable” para facilitar, cando se execute esta mellora, o seu desprazamento. As prestacións da grada tamén se optimizarán pola retirada do pequeno bordo que existía na anterior pista a resultadas do inchado do parqué. Esta circunstancia impedía que a estrutura metálica puidese avanzar en todo o seu percorrido.
Finalmente, o novo sistema de iluminación está composto por 40 campás con proxectores led de 370 watios que, ademais de facer posible un gran aforro enerxético, garanten os estándares de calidade na iluminación esixidos por Asobal. O sistema substitúe aos 31 proxectores obsoletos, de haloxenuros metálicos, cos que o pavillón contaba dende a súa estrea.
A Deputación de Pontevedra ten investido máis de 11 millóns de euros en Cangas dende 2015, ano no que se produciu o cambio na institución provincial. Neste tempo, e gracias fundamentalmente á posta en marcha do Plan Concellos, ten feito posible o financiamento de máis de 35 obras de todo tipo e a contratación de máis de 200 persoas desempregadas para a prestación temporal de servizos de competencia municipal.
A maiores, a Deputación concedeu unha subvención de 480.000 euros para a materialización do tramo cangués dentro do proxecto do Eixe de Mobilidade Segura ao longo do Camiño Real, que une as estacións marítimas de Moaña e Cangas.