Esta decisión da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo foi trasladada pola conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, á alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz, coa que mantivo unha reunión este martes en Santiago, na que lle entregou a Orde de Aprobación Definitiva da Áreas do Plan Xeral de Ordenación deixadas en suspenso.
Mato Otero recordou que ao abeiro do establecido na Disposición Transitoria 2ª da Lei do solo de Galicia, os plans aprobados provisionalmente antes da entrada en vigor desta lei poderán continuar coa súa tramitación ata a súa aprobación definitiva.
O Concello de Moaña remitiu o Documento de Refundido do plan Xeral, información e documentación que a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio analizou –dende o 3 de novembro- para poder redactar a orde que hoxe se aproba, despois de comprobar que se subsanaron as deficiencias sinaladas.
A conselleira trasladou o apoio e colaboración da Administración galega, que quedou patente nas distintas reunións celebradas entre os técnicos da Secretaría xeral e do Concello, mesas de traballo nas que analizaron os avances que se rexistraban en relación coas demandas que recollía a Orde de aprobación definitiva parcial de xullo de 2011 e que abarcaba un 97% do plan.
Lembrou que na Orde de Aprobación Definitiva Parcial quedaron pendentes de aprobación 8 dos 15 solos urbanizables propostos polo concello de Moaña no PXOM, ao non estar convenientemente xustificados ou parcialmente suxeitos á diversas afeccións sectoriais de augas e infraestruturas.
Tal e como recolle a orde de aprobación, en relacións coas determinacións en solo urbano, na fronte costeira cómpre axustar a clasificación como solo urbano -dado o seu grado de urbanización e transformación- ao deslinde marítimo terrestre actualmente vixente.
Por outro lado, a conselleira recordou que a Xunta traballou con celeridade nesta orde para permitir que se restableza a actividade industrial das empresas presentes na zona portuaria de Moaña con todas as garantías posibles.