Trátase dun treito cunha lonxitude total de algo máis de 4 quilómetros. As obras proxectadas consisten na duplicación da calzada actual dende o PK 3+250 ata o 7+300, polas marxes esquerda e dereita, así como na remodelación dos enlaces de Domaio e Meira. Tamén se prevé o deseño dunha nova área de servizo en Meira, a duplicación do viaduto da Mó e a ampliación de dous pasos inferiores e un superior.
Estas actuacións dan continuidade aos traballos xa iniciados no mes de outubro para a conversión en autovía do corredor do Morrazo, no primeiro treito entre o enlace de Rande e de Domaio. Este primeiro tramo supón a intervención ao longo de 3,2 quilómetros, cun prazo de execución de 24 meses, e cun investimento próximo aos 20 millóns de euros.
As obras no primeiro tramo contemplan varias estruturas singulares, como o viaduto no enlace de Rande sobre a glorieta existente, que conectará directamente o corredor e a autopista AP-9; o túnel de Montealegre, que permite respectar os restos arqueolóxicos existentes na zona; e o viaduto da Moura, sobre o río Minouva e a Poza da Moura.
A conversión en autovía do Corredor do Morrazo é a infraestrutura viaria que absorbe o maior investimento nos Orzamentos da Xunta para 2016. Esta partida permitirá que estean en plena execución as obras do treito I, o inicio das obras do treito II e o avance no treito III.
A Xunta cumpre deste xeito o seu compromiso de dotar a comarca do Morrazo dunha autovía libre de peaxe, que resolva os problemas de capacidade do corredor actual, xa que por esta vía circulan 15.000 vehículos cada día, unha cifra que chega ata os 20.000 moitos días de verán.