A “guerra” existente entre as distintas empresas concesionarias do 061 deixou este luns sen subministro eléctrico as bases de Cangas e Moaña, o que provocou atrasos no proceso de desinfección dos vehículos e a conseguinte inoperatividade das ambulancias, segundo vén de denunciar a CIG. Ademais, o persoal de garda tivo que pasar a noite en establecementos hoteleiros das dúas localidades.
Delegados da central sindical no sector de ambulancias denuncian que as prácticas de boicot que practican as empresas para dificultar o acceso aos concursos está detrás do corte de subministro eléctrico que se produciu nas bases de Cangas e Moaña. Segundo revelou Ambulancia do Atlántico, a actual concesionaria, foi Ambuibérica, a empresa que antes se encargaba do servizo, a que solicitou o corte do subministro sen previo aviso.
En consecuencia, as bases quedaron sen luz eléctrica pola mañá, o que provocou atrasos no proceso de desinfección dos vehículos e a conseguinte inoperatividade das ambulancias. Ademais, os técnicos de emerxencias de garda tiveron que pasar a noite en establecementos hoteleiros das dúas localidades ao non poder facelo nas súas respectivas bases.
Segundo sinalan os delegados da CIG, o que hai detrás destas disputas é o aforro económico das empresas, o que provoca unha situación de precariedade con falta de equipamento de protección e uniformidade de alta visibilidade, así como deficiencias de limpeza das instalacións, entre outras cuestións. “Detrás de todas estas carencias que merman a calidade do servizo e poñen en perigo a traballadores e pacientes está única e exclusivamente o interese económico que teñen as empresas concesionarias do 061; recortan en medios para obter beneficios”.
En consecuencia, o persoal sanitario do 061 de Cangas e Moaña tivo que recorrer a unha donación do futbolista Iago Aspas para poder afrontar a atención con seguridade durante a pandemia. “A día de hoxe a empresa aínda non entregou pantallas faciais nin máscaras tipo FFP3”, lembran.
Tampouco garante o subministro de uniformidade para substituír a que teñen rota e sen elementos de alta visibilidade. Despois de case un ano, a día de hoxe tan só dispón da metade das prendas, e unicamente para a metade do cadro de persoal.
Represión sindical
Ao mesmo tempo, lamentan o atraso da Inspección de Traballo en exercer a súa acción sancionadora diante das innumerables irregularidades que afectan aos traballadores e á prestación do servizo. De feito, despois da paralización polo confinamento e as vacacións de verán agardan ser citados pola autoridade laboral este mesmo mes para reactivar as denuncias interpostas.
Neste contexto, as compañías intentan desfacerse das persoas que consideran molestas para os seus intereses. O delegado de persoal e de prevención de Cangas sufriu a persecución da empresa concesionaria, que intentou despedilo abríndolle un expediente sancionador pola súa acción reivindicativa e de denuncia que finalmente tivo que ser retirado. Como consecuencia desta actitude, a Inspección de Traballo impúxolle unha sanción grave a Ambulancias do Atlántico por represión sindical ao delegado da CIG.