O peirao da Mosqueira (Moaña) acolleur a presentación do galeón «Eliseo», que foi recuperado por segunda vez pola Asociación Cultural e Recreativa Sueste. Ao acto, ademais da directiva e socios e socias da entidade, tamén asistiron representantes do goberno municipal, como a alcaldesa Leticia Santos, membros da Deputación de Pontevedra, como María Ortega, e Enrique Senra, representando a Culturmar. No acto tamén participaron outras entidades e asociacións.
O ‘Eliseo’ estivo case dous anos fóra de Moaña, coas obras para concluír a súa rehabilitación nos Astilleros Garrido do Grove. Estes traballos supuxeron moito tempo e un investimento moi considerable por parte dos socios e socias, que contaron coa axuda importantísima da Deputación de Pontevedra.
As autoridades, acompañadas de membros da directiva de Sueste, realizaron unha pequena navegación polas augas de Moaña. Para rematar, houbo un ágape na explanada da Mosqueira. A navegación do Eliseo foi acompañada por algún barco chegado “ex profeso” para o acto.
O Eliseo é un galeón das rías, construído no ano 1908, tendo actualmente 113 anos de idade, sendo, con toda probabilidade, o barco en activo máis antigo en Galicia e un dos de máis antigüidade de España.
A construción do Pepita/Eliseo levouse a cabo nun dos estaleiros de O Freixo (Serra de Outes), concretamente na aldea de Cerzóns, ao final da enseada de Broña, na marxe norte. O seu mestre carpinteiro foi Manuel Romero Otero, coñecido como ‘O Cacherulo’.
O Pepita, actualmente Eliseo, é un galeón típico dos construídos no Freixo, é dicir, orixinariamente non posuía cuberta, aínda que si corredores polos costados para realizar as manobras e desprazamentos da tripulación. Desde Sueste consideran que a cuberta foi posta na segunda das etapas de vida deste barco.
As dimensións do Eliseo son algo máis pequenas que a maioría dos galeóns da época. Segundo consta no proxecto de reparación desta embarcacións as medidas son as seguintes:
- Eslora total: 11,20 m.
- Eslora entre perpendiculares: 10,55 m.
- Manga fóra de forros: 3,08 m.
- Puntal de construción: 1,10 m.
- Tripulación: 2
- Pasaxeiros: 12
- Propulsión: motor/vela
- Matrícula 7ª VILL 3.83.05
- Arqueo bruto: 7,71 TRBNIB 6783
- Categoría navegación C zona IV
A historia deste galeón divídese en cinco etapas:
1ª etapa: (1908-1925)
O galeón foi construído no ano 1908. O seu armador foi José Romaní Ferrer, fomentador catalán afincado en Esteiro (Muros), que xa posuía unha frota duns cincuenta barcos que se dedicaban á pesca da sardiña. En 1925, foi vendido a un armador de Vilalonga (Sanxenxo).
Todo este período desenvólvese na ría de Muros–Noia. As funcións principais do barco foron a pesca da sardiña coa arte da xávega ou ben a compra a frote da mesma.
2ª etapa: (1925–1948)
Este período transcorre en Vilalonga. O Eliseo ten varios armadores e dedicarase ao transporte de arxila e barro, así como ao transporte dos produtos xa rematados como ladrillos e tellas. Tivo nesta etapa ata 7 propietarios distintos. Remata esta etapa coa venda do barco a Eliseo Rey Bustelo, da Isorna (Rianxo)
Case con total seguridade, é nesta etapa cando se lle coloca a cuberta, xa que orixinalmente non a tiña, unha característica dos galeóns do Freixo.
3ª etapa: (1948 – 1972)
Esta é a etapa na que o galeón ten o propietario que máis anos o explotará. Dedicarase ao transporte de leña e area. Trátase de Eliseo Rey Bustelo. Isorna.
En 1950, múdaselle o nome orixinal de Pepita polo de Eliseo. No ano 1959, inscríbese na Capitanía de Vilagarcía a instalación, por primeira vez, dun motor. En 1972 véndese de novo para ser transformado nun barco auxiliar da batea.
4ª etapa: (1972 – 2005)
Durante estes anos, o Eliseo terá a súa base no porto de Vilanova de Arousa e logo no Grove. Dous serán os seus propietarios.
5ª etapa: (2005 -2021)
No ano 2005, a Asociación Sueste adquire o barco e comeza a súa primeira rehabilitación, devolvéndolle a súa forma primitiva para a navegación a vela.