O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos Paz, asinaron no Edificio Administrativo de San Lázaro un protocolo de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e o Concello de Moaña, para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde, que supón un principio de acordo para avanzar na contratación do proxecto de construción en canto o concello poña a parcela a disposición da administración sanitaria galega.
Así, o Concello realizará os trámites oportunos para elevar ao pleno municipal a cesión da parcela necesaria para a construción do centro. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde, unha vez dispoña do terreo, comprométese á elaboración do proxecto técnico, así como a contratar, dirixir e executar as obras de construción do centro de saúde con cargo aos seus orzamentos.
A dotación do novo centro de saúde está enmarcada no Plan de necesidades de Atención Primaria de Cangas-Moaña, cunha visión supramunicipal e que permitirá que os municipios desta zona dispoñan de maiores coberturas e servizos. Este plan, que conta cun investimento de 11,2 millóns, beneficiará a máis de 45.000 habitantes e ampliará os servizos tanto en horario como en prestacións. O devandito plan contempla, ademais do centro de saúde de Moaña, a construción do Centro Integral de Saúde Cangas-Moaña, e actuacións de mantemento e mellora en dispositivos existentes como os de Aldán, Hío e Domaio.