Vázquez Mourelle cualificou esta alternativa como irrenunciable, xa que permitirá preservar, na súa totalidade, o castro de Montealegre, no que se vén traballando intensamente desde a Xunta, nos limitados ámbitos que inicialmente quedaban afectados pola infraestrutura.
Nos últimos meses a AXI levou a cabo un estudo técnico sobre a viabilidade de ampliar o túnel actual para proceder a duplicar a estrada, tendo en conta que a existencia de 2 carrís en cada sentido é irrenunciable para garantir a seguridade viaria e a funcionalidade da infraestrutura. Neste sentido, a conselleira subliñou que ampliar o túnel actual, en lugar de facer un segundo, é tecnicamente viable, ademais de constituír unha obra de referencia da que non se coñecen equivalencias en España.
O Goberno galego realizou unha ambiciosa campaña de escavación arqueolóxica, en coordinación coa Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, uns traballos cun investimento de máis dun millón de euros e que están a permitir un labor de documentación do xacemento de enorme valor histórico e cultural e a posta á disposición da cidadanía desde ben patrimonial.
A titular de Infraestruturas subliñou que a Xunta é consciente das incomodidades e alteracións na mobilidade dos veciños, polo que pediu comprensión e paciencia polas molestias que ocasionará esta modificación do proxecto. Concretou que o Goberno galego vai poñer medios para minimizar as molestias, como é o reforzo do transporte marítimo de ría desde Moaña e o reforzo do servizo de ambulancia no Morrazo.
Vázquez Mourelle fixo fincapé en que o obxectivo deste proxecto é dar resposta a unha vella demanda e dotar canto antes aos veciños e á comarca dunha infraestrutura estratéxica e fundamental para o reforzo da seguridade viaria, para resolver os problemas de capacidade e mellorar a vertebración territorial.