Este programa busca incentivar a posta en marcha de novas iniciativas empresariais, que aproveiten de xeito sustentable a grande cantidade de recursos que ofrece o mar, para xerar valor económico e social no ámbito territorial de actuación deste GALP co Concello de Moaña como sede.
No marco desta iniciativa ofértanse, sen custe económico para as persoas interesadas, 20 prazas para a realización dunha acción formativa que comezará en febreiro. A acción está destinada a introducir á poboación da zona na cultura do emprendemento orientado ao mar, guiándoa ao longo do difícil camiño que hai que percorrer dende o xurdimento da idea ata a súa chegada ao mercado. O obxectivo final desta acción é o de xerar valor social e económico favorecendo aos sectores económicos da zona a través do xurdimento de iniciativas empresariais relacionadas co medio mariño.
O programa formativo divídese en catro fases. Na primeira, orientada á formación para o emprendemento e formación específica para o reforzo de capacidades e habilidades emprendedoras, as persoas participantes adquirirán as bases de coñecemento, as competencias, habilidades e os recursos e ferramentas necesarias para poñer en funcionamento unha iniciativa empresarial. Neste bloque inclúese formación específica de maduración de proxectos, análise de viabilidade, estratexias de comunicación e presentación pública da idea de negocio, posicionamento nas redes sociais, estratexia de marca persoal/profesional e marketing da idea de negocio.
Na fase dous, destinada á Identificación de Ideas de Negocio, traballaráse nas ferramentas e metodoloxías para a identificación de ideas de negocio viables e sostibles, a través de talleres participativos nos que as persoas participantes poderán identificar iniciativas empresarias e potenciais socios para o seu desenvolvemento.
As persoas participantes en Empreamar terán a ocasión de entrar en contacto con casos de éxito en emprendemento mariño, a través de empresas e persoas que xa puxeron en marcha unha iniciativa empresarial e que compartirán a súa traxectoria e as súas experiencias con potenciais emprendedores/as.
Durante todo o programa formativo, as futuras persoas emprendedoras irán traballando na elaboración da súa propia idea de negocio co apoio e titorización activa por parte de persoas expertas na materia e a realización de seminarios específicos, que culminarán na fase 3 do programa. Nesta fase levarase a cabo a selección daquelas ideas que a xuízo dunha comisión técnica avaliadora teñan un maior potencial e viabilidade para acceder a un período de pre-incubadora, na fase 4, onde as persoas participantes seleccionadas disporán dun espazo para desenvolver o seu proxecto e recibirán o asesoramento científico-técnico e de emprendemento que a súa idea de negocio requira para convertirse nunha realidade e chegar ao mercado.
As persoas interesadas en apuntarse a esta iniciativa poderán inscribirse na páxina web de Empreamar, na web do concello de Moaña ou no propio Concello. O 16 de xaneiro celebrarase unha reunión informativa para as persoas interesadas no Concello de Moaña, ás 19:00 horas.