A Xunta anunciou este sábado que a Dirección Xeral de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde vén de licitar a contratación do servizo de redacción do proxecto básico de execución e da dirección de obra do novo centro de saúde de Moaña, mediante procedemento aberto, por un importe de 75.573 euros. O prazo de redacción do proxecto básico será dun mes contado dende a formalización do contrato.
Contémplanse prestacións opcionais de redacción do proxecto de execución e dirección de obra. Se o contratista acepta a prestación opcional de redacción do proxecto de execución tería 2,5 meses para entregalo dende a firma da cláusula adicional. O valor estimado do contrato é de 208.191 euros, ao incluír o importe do proxecto de execución e da dirección de obra (o importe máximo ao que pode chegar o contrato se se materializan as prestacións opcionais de proxecto de execución e dirección de obra).
O Plan funcional e de espazos do centro de saúde de Moaña aprobado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, contempla nos espazos asistenciais, no que respecta á área de atención de adultos, oito consultas de medicina, seis consultas de enfermería, seis consultas polivalentes, unha sala de cirurxía menor, unha para telemedicina, unha sala de ecografía e outra para toma de mostras. Na área de atención pediátrica, están previstas dúas consultas de pediatría, dúas consultas de enfermería de pediatría, dúas polivalentes e unha sala de lactancia.
O centro contará, así mesmo, cunha consulta para matrona, unha sala de educación sanitaria, unha consulta de odontológo e unha consulta de hixienista. Igualmente, está previsto dotar ao centro dunha área de fisioterapia, na que haberá unha consulta e unha sala polivalente, así como un ximnasio e 6 cabinas de tratamento. Tamén contará cunha área de descanso nocturno do persoal do Pac.
Xunto á anterior dotación citada, haberá un despacho para o traballador social, así como un área de apoio cunha aula polivalente, un despacho para docencia e unha sala para as asociacións de pacientes, ademais dos espazos de recepción, area de persoal, almacéns, vestiarios, etc.
Visión supramunicipal
A dotación do novo centro de saúde está enmarcada no Plan de necesidades de Atención Primaria de Cangas-Moaña, cunha visión supramunicipal e que permitirá que os municipios desta zona dispoñan de maiores coberturas e servizos. Este plan, que conta cun investimento de 11,2 millóns, beneficiará a máis de 45.000 habitantes e ampliará os servizos tanto en horario como en prestacións. O devandito plan contempla, ademais do centro de saúde de Moaña, a construción do Centro Integral de Saúde Cangas-Moaña, e actuacións de mantemento e mellora en dispositivos existentes como os de Aldán, Hío e Domaio.
Tal e como se recolle no protocolo de colaboración asinado no seu día entre o Sergas e o Concello de Moaña, este último realizará os trámites oportunos para elevar ao pleno municipal a cesión da parcela necesaria para a construción do centro. Tamén será responsable de facer as obras de acometidas correspondentes para a urbanización da parcela que sexa cedida ao Sergas.