O Bloque Nacionalista Galego de Vigo vén de rexistrar unha pregunta ao vindeiro pleno municipal, previsto para este mércores 27 de xullo, para que o alcalde, Abel Caballero, explique as xestións realizadas ante o Goberno español para que se investiguen as causas do naufraxio do ‘Villa de Pitanxo’. A fronte nacionalista interpelará así ao rexedor tras comprometerse persoalmente na sesión plenaria de maio a trasladar ao Executivo de Pedro Sánchez as “lexítimas, razoábeis e xustas” demandas das familias das vítimas.
O concelleiro do BNG en Vigo, Xabier P. Igrexas, lembrou que nese pleno celebrado o pasado 25 de maio a corporación aprobou de forma unánime unha moción presentada pola fronte nacionalista, a petición das afectadas, para esixir unha investigación subacuática para localizar o buque, filmar e fotografar o escenario do tráxico afundimento e obter probas que permitan clarificar o sucedido.
“Sen coñecermos completamente a verdade do que aconteceu non pode haber xustiza, e sen xustiza non pode haber a reparación que merecen as familias das vítimas”, reiterou Igrexas, que lamentou que, transcorridos dous meses do acordo plenario, “o único que escoitamos por parte do Goberno español foron escusas cada vez máis inconsistentes para evitar facer o que hai que facer”.
Nese sentido, Igrexas reclamou a Abel Caballero que aclare os avances conseguidos grazas ao “acceso privilexiado e á capacidade de influencia na Moncloa e Ferraz dos que sempre fachendea”. O edil nacionalista insistiu na urxencia dunha rectificación por parte do Executivo español para que atenda “o clamor unánime de que hai que baixar para localizar o ‘Villa de Pitanxo’, investigar até o final o sucedido e depurar todas as responsabilidades”.