O Castelo de Soutomaior contará cun Centro de Recepción de Visitantes que será accesible e eficiente enerxeticamente. “Hoxe arranca o proceso de construción coa aprobación do expediente de contratación e o proxecto queda listo para saír a licitación por 575.000 euros”, avanzou Carmela Silva na rolda de prensa posterior á celebración da Xunta de Goberno. Esta inversión suporá unha importante mellora a nivel de equipamentos para a que está considerada a “xoia” do patrimonio da provincia de Pontevedra. A presidenta provincial detallou que estas novas instalacións incluirán un centro de información a visitantes, venda de entradas, gardarroupa, tenda de produtos de proximidade, aseos, control de seguridade, dous espazos para mantemento, vestiarios, un cuarto de limpeza, outro de instalacións e se completará cunha zona de aparcadoiro para turismos e autobuses.
“Construiremos un centro con accesos e instalacións axeitadas, totalmente accesibles e baseado en criterios de sostibilidade e innovación”, enxalzou Carmela Silva, que precisou que este novo espazo “funcionará ao mesmo tempo como área de recepción, acollida e información das persoas que visitan a fortaleza, pero tamén como un lugar de encontro”. Adicionalmente, habilitarase unha zona para adquirir as entradas e unha tenda para vender material cultural e bibliográfico do castelo pois “é fundamental que a xente coñeza a historia do castelo que é a historia mesma de Galicia”, incidiu. Tamén contará “cun expositor de produtos da comarca porque esta administración cree no produto de proximidade. Visitantes nacionais ou internacionais poderán gozar desta riqueza”, explicou a presidenta.
Esta nova inversión prodúcese nun momento no que o Castelo de Soutomaior segue batendo récords. Desde que a Deputación de Pontevedra musealizou a fortaleza en 2018 pasaron polo recinto un total de 104.238 persoas. O novo Centro de Recepción de Visitantes estará ubicado nunha parcela inferior para evitar limitar as visitas ao recinto e moi próxima ás estradas de acceso co fin de facilitar a chegada e centralizar o tránsito peonil cara os seus xardíns e o recinto histórico.
“Para nós o Castelo de Soutomaior é un recurso patrimonial fundamental e esta inversión permitiranos seguir facendo as cousas de forma ordenada”, valorou Carmela Silva respecto a un edificio que será eficiente ao contar cun sistema de climatización mediante bomba de calor e iluminación LED.
Edificio de planta baixa respectuoso co entorno
Respecto ás condicións do edificio, será un volume único de planta baixa cunha superficie aproximada de 200 metros cadrados. Esta disposición elixiuse co obxectivo de que a nova edificación non interfira no entorno e non reste protagonismo ao conxunto monumental, de aí que sexa unha construción sobria e que empregue elementos como a pedra e a madeira.
Terá forma rectangular alongada e moi sinxela con dúas zonas principais a ambos lados do que será o núcleo de acceso. Na marxe máis próxima ao castelo estará a zona de tenda, descanso e venda de entradas e ao outro lado do rectángulo situarase a cabina de control e seguridade, as taquillas, os aseos e os espazos destinados ao persoal.
As obras inclúen unha mínima intervención no terreo para habilitar ramplas que solucionen os problemas de accesibilidade ao novo centro e á propia entrada do castelo. As persoas visitantes entrarán neste novo espazo como se dunha porta de control se tratase, e continuarán o seu percorrido cara a porta de acceso existente no muro próximo onde se atoparán co control de acceso. Unha vez atravesada a edificación colocaranse, a modo de contención do terreo, unhas gradas de descanso e espera.