O Concello de Covelo iniciou o procedemento para solicitar á Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia a elaboración de propostas para a súa bandeira. Así o aprobou o pleno da Corporación na súa sesión ordinaria do 8 de marzo.
Amparados no artigo 258 da Lei 5/1997, de administración local de Galicia que recoñece o dereito dos Concellos e entidades locais de Galicia a ter unha bandeira, o Concello de Covelo dá os primeiros pasos para ter a súa propia, unha proposta do grupo de goberno que obtivo o apoio de todos os grupos da Corporación.
“Será un legado máis para as xeracións futuras que agora deixamos nas mans dos profesionais da Comisión Heráldica ao ser as persoas expertas que saberán extraer da nosa historia cores, figuras e trazos significativos”, explica o alcalde de Covelo, Pablo Castillo.
Recibida a proposta da Comisión Heráldica da Xunta de Galicia debe aprobarse por maioría absoluta do pleno da entidade local. Este acordo terá un prazo de información pública e volverase a someter a aprobación plenaria. A continuación a Comisión emitirá un informe no prazo de tres meses que será vinculante.
A bandeira de Covelo deseñarase tendo en conta fitos históricos ou xeográficos característicos e peculiares do territorio e irá en consonancia co escudo co que xa conta o Concello.
O escudo do Concello de Covelo foi aprobado polo Decreto 1.072/76 do Ministerio da Gobernación, de 9 de abril de 1976 e segundo se recolle na heráldica da provincia de Pontevedra simboliza a historia da terra “nun campo de azur, o edículo de prata, terrazado de sinople superado de estrela, de prata, con cinco raios. Ó timbre coroa real pechada”.
As bandeiras e escudos de entidades locais deberán ser aprobadas polo Consello da Xunta de Galicia para poder ser oficiais.