O grupo municipal do PP de Pazos de Borbén advertíulles este domingo ás demais forzas políticas da oposición, e principalmente ao Partido Socialista, da necesidade de cambiar ao alcalde, Luciano Otero, a través dunha moción se censura se se confirman as presuntas irregularidades nos contratos menores a prol do seu asesor.
A voceira municipal, Eloísa Nogueira, quixo ser prudente sobre as acusacións, lanzadas publicamente polo PSOE local, en torno aos contratos a dedo adxudicados
polo alcalde a empresas vencelladas ao seu asesor, xa que terán que determinarse as consecuencias, sexan éticas ou legais, destes servizos, pero cre que esta
situación “é unha mostra máis de que ao rexedor impórtanlle máis os negocios ou ter recompensados aos do seu séquito antes que atender aos veciños de Pazos”.
“Non serve que os demais grupos da oposición digan que se cambia de actitude aquí non pasou nada, porque a realidade non é así e os feitos consumados, de
confirmarse, teñen unhas consecuencias. En todo caso, haberá que avaliar se legalmente se poden dar eses contratos, aínda que, máis alá do que poida dicir a
xustiza, os feitos son moi reprobables”, sinalou a concelleira popular.
Eloísa Nogueira referíuse directamente ao PSOE local, ao que lembrou que é “cómplice” de que Luciano Otero estea na Alcaldía, “xa que o seu voto foi decisivo
para a súa investidura malia non ser a lista máis votada” e convidou aos socialistas de Pazos a “ser coherentes coas súas acusacións sobre o rexedor e rectificar a súa decisión do mes de xuño propiciando un necesario cambio de goberno”.