O Concello da Cañiza abrirá este xoves, 1 de xullo, a praia fluvial de Luneda cun aforo reducido ao 75% da súa capacidade. A administración local toma esta medida “baixo a responsabilidade de todos os usuarios, aos que se lles pide respecto pola normativa en materia covid”. Cada persoa deberá, segundo avisa o consistorio, “autorregularse para evitar calquera situación que poña en risco a súa saúde ou a propagación da enfermidade”.
A vila permanece en restricións de nivel baixo e, de feito, non rexistra ningún positivo por coronavirus en máis de medio mes. Así e todo, vaise establecer una ocupación máxima de 225 persoas. Do mesmo xeito, será preciso manter a distancia de seguridade de 1,5 metros ou, no seu defecto, utilizar máscara de protección.
Ese uso estará exceptuado durante o baño e mentres se permaneza nun espazo determinado sen desprazarse sempre que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal. Igualmente, será obrigatorio nos accesos, desprazamentos e paseos; no uso dos vestiarios, agás nas duchas, sempre que non se poida manter a distancia de seguridade interpersoal entre persoas non conviventes.
Por outra banda, as zonas de estadía terán unha capacidade mínima de 4 metros/persoa, agás conviventes. Ademais, os obxectos persoais, toallas, hamacas e outros elementos colocaranse nesta zona de xeito que se poida manter a distancia de seguridade interpersoal. O Concello da Cañiza recomenda un límite máximo de 15 persoas por grupo, agás no caso de persoas que residan xuntas.