O Concello da Cañiza aprobará este xoves, na sesión do pleno municipal, o expediente para a concesión por procedemento aberto, de uso privativo do cámping, convocando a súa licitación. «A apertura do expediente xustificouse, entre outros motivos, para dar aos visitantes un motivo e atractivo turístico, que baseado en criterios ambientais fomente o turismo na zona e atraia visitantes a unha contorna de gran atractivo natural», explica o concello nun comunicado.
A concesión, cun valor de 1.604.283,15 euros, será por 16 anos e contempla un investimento mínimo por parte da empresa concesionaria de 66.680 euros. Ademáis, o Concello reservarase o dereito de instalar no recinto un punto de recepción de BTT (Bicicleta Todo Terreno) e o dereito de ocupar varias prazas durante a tempada alta. Segundo manifestou o alcalde, Luis Piña, afirma que a intención é «volver a situar este instrumento catalizador de turismo nun lugar preferente, nunhas condicións óptimas e xestionado por profesionais».
Esta nova concesión incluirá os servizos de explotación e mantemento do cámping municipal. Durante o primeiro ano a empresa estará exenta do pago de auga e de enerxía eléctrica así como dun canon anual mínimo de 1.500€ máis IVE (dependerá da oferta que se presente), gastos que asumirá a partires do segundo ano da concesión.
A empresa poderá manter as instalacións abertas durante o período que considere oportuno, engade o Concello da Cañiza. Non se considera a concesión executada no caso de que as instalacións do cámping non permanezan abertas, polo menos desde o 1 de xullo ao 31 de agosto e pode propoñer a apertura cando considere oportuno mediante comunicación ao Concello pero sen necesidade de autorización expresa.
En canto ás tarifas a percibir polas diferentes modalidades de aloxamento e de actividades complementarias, serán responsabilidade exclusiva da empresa sen intervención municipal. Os servizos de cafetería, bar e comidas poderán ser de uso xeral e non exclusivo dos usuarios do cámping, así como o alugueiro de bicicletas e calquera outra actividade «sempre que previamente sexa regulado polo concello no regulamento aprobado, cuxas tarifas e horarios estarán expostos ao público».
O camping municipal inaugurado no ano 1994 conta cunha superficie de 10.000 m2 e 201 prazas distribuidas en 67 parcelas e 4 bungalows de 4 prazas cada un. Ubicadas nunca paraxe con arbolado caducifolio e perenne e chan de herba. Está inscrito no Inventario de Bens Municipais e está valorado en 422.604,84€ .
A instalación xa foi utilizada en réxime de concesión administrativa co anterior goberno, remantando o período de vixencia da mesma hai dous anos. En 2020 o abriu as súas instalacións por xestión directa.