A Cañiza xa goza dunha nova entrada ao centro urbano, máis funcional, moderna e segura, dende a estrada de Crecente (EP-5005). A avenida loce cun novo aspecto tralo remate das obras acometidas pola Deputación de Pontevedra para construír itinerarios peonís ata a contorna do campo de fútbol do Vieiro e do cemiterio, así como ordenar o tráfico rodado e os aparcamentos.
Os traballos, cun importe próximo aos 100.000 euros, desenvolvéronse entre os puntos quilométricos 0+700 e 1+100 e dotan á capital da Paradanta dunha vía periurbana con coidados acabados estéticos e prestacións peonís de alta calidade, tendo en conta a súa proximidade ao centro e a condición de zona mixta, con intenso tránsito local e de paso. Este treito de 400 metros queda agora acondicionado tendo en conta as necesidades de tódalas persoas usuarias da vía, sen esquecer aos peóns, como sucedía anteriormente.
As obras consistiron no fresado e reposición do firme da calzada entre a saída da autovía A-52 e a rotonda situada no punto quilométrico 1+100 para dotala dun novo pavimento de 6 centímetros de grosor que pon fin a tódalas deficiencias anteriores. Sen embargo, a principal actuación foi a ordenación e urbanización dos sobreanchos existentes a ambos lados do campo de fútbol e o cemiterio, espazos que ata o de agora utilizábanse como aparcamento libre, o que supuña un perigo para os peóns. Con estas obras creáronse itinerarios peonís de 0,50 metros de anchura, marcados con separadores de carril dende as novas bandas de aparcamento en liña de 2,5 metros de ancho. A carón do cemiterio, a nova beirarrúa está executada en formigón e na fronte do campo de fútbol fíxose en aglomerado. As obras respectaron as árbores e os alcorques ornamentais existentes.
A maiores limpouse e desatascouse o colector de augas pluviais e asegurouse os eu correcto funcionamento, executando o novo firme coas pendentes necesarias. Finalmente, a obra completouse coa sinalización horizontal para ordenar adecuadamente os tráficos rodados.
As obras, executadas pola empresa Construcciones Taboada y Ramos, están enmarcadas no Decálogo de Criterios de actuación nas vías provinciais da Deputación, o modelo de mobilidade segura e sostible do século XXI, que a institución provincial aplica a toda a súa rede de estradas.