O alcalde da Cañiza, Luís Piña, recibiu o novo camión de emerxencias, da man do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que dotará ao GES da comarca da Paradanta. O municipio adheriuse en abril de 2021 ao convenio de colaboración para a creación dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (un dos 29 existentes en Galicia), e será sede deste servizo que se prestará tamén aos concellos de Arbo, Covelo e Crecente.
A finais de abril do 2021 o alcalde solicitara oficialmente a dotación dun camión e equipos de excarceración para o GES da Cañiza. O novo vehículo, un camión bomba rural pesada, conta con tracción integral 4×4 e está dotado de todo o material necesario para acceder a zonas que presenten dificultades para intervir en incendios urbanos, forestais ou industriais. Con estas opcións, o seu uso é idóneo para actuar en áreas urbanas e rurais.
Cunha inversión que ronda os 200.000 euros, dispón de cisterna de auga de 3.000 litros de capacidade e unha bomba centrífuga con presión combinada que permite o lanzamento de auga en baixa a alta presión ou ambas de xeito simultáneo.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), un grupo especialista de proximidade multidisciplinar, formado por 12 traballadores pertencentes á estrutura do Concello, intervirá en situacións de risco en todo o territorio da comarca da Paradanta: incendios urbanos, industriais, forestais, excarceración de accidentes de tráfico, labores de prevención de incendios… O seu obxectivo será atender á poboación da comarca no menor tempo de resposta posible. Estará coordinado pola Axencia Galega de Emerxencias.
O Grupo está financiado pola Xunta nun 52,5 % e pola Deputación de Pontevedra cun 40 %. O Concello terá que aportar o 7,5 % restante. En agosto de 2021 publicouse no BOP de Pontevedra o anuncio de convocatoria de procedemento de selección de persoal para conformar o GES da Paradanta.
O proceso de selección está actualmente paralizado por recomendación dos membros do tribunal de selección debido a unha denuncia presentada polo sindicato CSIF. En primeira instancia a denuncia foi rexeitada polo xulgado pero o sindicato apelou á instancia superior, o TSXG. Dita paralización tamén afecta ós procesos de formación dos GES de outros concellos da provincia coma Mos, Redondela, A Lama ou Moraña.