O Concello da Cañiza acaba de denunciar ante a Garda Civil un segundo “atentado” e “sabotaxe” á rede de abastecemento de augas de consumo do casco urbano ao atopar baleiro, na medianoite do mércores ao xoves, o tanque de cabeceira de Portoaugavella. Ademais, os fusibles dun dos pozos de barrena de aporte a este depósito apareceron arrancados. Este feito provocou a redución da capacidade do tanque malia que, segundo detalla o consistorio, os aportes de auga estaban correctos tras a revisión completada o día anterior.
Aínda que as deficiencias da rede de abastecemento son un mal endémico dende hai 20 anos, o Concello leva xa meses traballando para dar a medio prazo unha solución definitiva a este problema. Con todo, nos últimos días os veciños do casco urbano están sufrindo a falta de subministro nas súas vivendas, sen que polo de agora se poida atopar a avaría ou fuga.
Os empregados do servizo xa atoparan os cables deste mesmo motor cortados presuntamente cunha pedra o pasado 10 de setembro de 2020. O alcalde, Luis Piña, asinou un bando polo que solicitaba a colaboración cidadá para achegar toda aquela información que fose de axuda para solucionar calquera incidencia que afectara á rede de subministro de auga. Alentaba a que calquera usuario que tivera coñecemento de accións que puideran atentar ou afectar ao normal funcionamento (fugas, roturas, rego indebido) o fixera saber ao Concello para poder actuar con urxencia.
Piña recordou este xoves que o dano ás conducións de augas, a distracción do seu curso e o desabastecemento deste ben están tipificados no código penal. O “atentado” contra o subministro eléctrico dun dos pozos máis importantes da rede da vila é, segundo o Concello, un “acto premeditado de sabotaxe que pon en risco o subministro de auga potable ás vivendas do núcleo”.