O alcalde de A Cañiza, Luis Piña, visitou a obras de conexión do saneamento do Parque Uceira co do Concello, que se acometen dende o pasado 9 de agosto co obxectivo de solucionar definitivamente un problema medioambiental latente dende hai máis de 26 anos como son as filtracións de augas sucias ao regato do Regueiro.
As obras teñen un investimento de 9.174,86 euros dos que 7.480,86 se corresponden coa execución material da obra, 968,00 euros a honorarios de redacción do proxecto e 726,00 euros a honorarios para a dirección de obra e coordinación de Seguridade e Saúde.
A obra foi adxudicada á empresa Narom S.L. e conta cunha subvención da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia para habilitación e mellora de infraestruturas dos parques empresariais da comunidade autónoma de 7.339,89 euros, o que representa o 80% do total da obra. O 20% restante, un total de 1.834,7€, serán asumido con fondos propios do Concello.
A actuación conta coa autorización sectorial favorable do Ministerio de Transporte, Mobilidade e Axenda Urbana do Goberno de España, ao atoparse a actuación en zona de afección da estrada N-120 Logroño-Vigo.
Segundo comunicou o alcalde, o obxectivo desta obra é a de mellorar a rede de saneamento do Concello e neste caso do Parque Uceira xa que na actualidade non estaba conectado co saneamento xeral polo que existían problemas de filtracións de augas residuais á rede de augas pluviais na zona do regato do Regueiro.
«Trátase dunha pequena obra de escasos 60 metros de lonxitude que serán canalizados con tubería de PVC de 315 mm de diámetro que desembocarán no colector xeral de saneamento do Concello», comentou Luis Piña.
O alcalde tamén quixo agradecer a colaboración do veciño Ángel Gómez Fernández, titular da parcela na que se está desenvolvendo esta actuación, pola súa disposición para facilitar que a obra sexa máis rápida, eficaz e menos costosa.