A Cañiza é un dos sete concellos beneficiados na primeira convocatoria do Goberno provincial de préstamos sen xuros para os concellos de menos de 50.000 habitantes para o financiamento de inversións, operacións de tesourería, necesidades urxentes ou desfases transitorios. En 2016 é a primeira vez que a Deputación saca esta liña de créditos en réxime de concorrencia competitiva e sen ningún tipo de xuros para os municipios, xa que co anterior Goberno estes eran do 2%.
Xunto á Cañiza, outros seis concellos -Catoira, Silleda, Poio, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes e Salceda de Caselas- se benefician desta iniciativa, na que o ente provincial inviste 1.137.708,7 €. Na actualidade está en marcha unha segunda convocatoria para a concesión deste tipo de préstamos a concellos, por valor de 362.291,28 €, xa que na inicial non se esgotou o importe máximo asignado a esta iniciativa, que é de 1,5 millóns de euros, o que supón ademais 500.000 € máis que a última asignación do anterior Goberno provincial.