Tras un paseo pola feira da vila acompañada do Secretario Xeral municipal e secretario de organización municipal, Luís Piña, e outros membros da executiva municipal, Silva fixo un repaso fronte ás veciñas e veciños da Cañiza aos máis de 4 millóns de euros que a Deputación destinou a este concello da bisbarra de Paradanta durante esta lexislatura. En total foron 4.452.375,41 €, case dous millóns máis dos que destinou ao anterior goberno do Partido Popular.
“Este goberno que lidero respecta a autonomía local”, recordou a presidenta da Deputación, “e fixemos aquelas inversións que o alcalde considerou prioritarias”. Silva sinalou tamén que, a diferencia do goberno de Louzán, a Deputación “ten agora 0 euros de libre disposición” e que o reparto dos fondos dos concellos faise “atendendo a criterios estritamente técnicos e non políticos”. “Acabouse a época do amiguismo na Deputación”, afirmou a presidenta ante as veciñas e veciños que asistiron ao encontro.
Silva fixo especial fincapé no Plan Concellos da Deputación, así como ao resto de plans de Cooperación, que achegaron ao Concello da Cañiza 2.617.559,32 euros. Unha inversión que se fai “atendendo a criterios de reparto equitativos e transparentes, en función da extensión e a poboación do territorio, e sempre respectando a autonomía local”, lembrou a presidenta.
Só o Plan Concellos supuxo un investimento de 2,1 millóns de euros, cos que o Concello puido facer fronte a obras, amortizacións de gasto corrente, actividades e emprego. Entre as obras máis destacadas, a ampliación e pavimentación da Rúa Calzada, por un importe superior aos 150.000 euros; a urbanización do parque central da Cañiza, por preto de 80.000 euros; ou a prevista para este 2019, destinada á mellora da seguridade viaria e Humanización no entorno do CPI A Cañiza, unha obra que financiará ao completo a Deputación a través do convenio DEPOREMSE e o devandito Plan Concellos.
Silva lembrouse tamén da situación da estrada A Cañiza – Arbo, que xera gran preocupación entre os veciños. A presidenta anunciou que se ían iniciar xa “as obras de emerxencia” para solucionar os problemas máis urxentes, ao tempo que os técnicos da Deputación “están traballando xa nun proxecto para un tratamento global da vía”.
A igualdade e os servizos sociais son tamén eixo principal da acción de Goberno da Deputación. “É a institución que presido a que financia maioritariamente as axudas no fogar e as de emerxencia”, lembrou Silva. Tamén salientou a importancia do programa de Teleasistencia, “ese botón que dá tranquilidade aos nosos maiores”, posto en marcha pola Deputación nas poboacións de menos de 20.000 habitantes.
Silva estivo acompañada polo secretario xeral da Cañiza e secretario de organización provincial, Luís Piña, que puxo en valor “o gran traballo levado a cabo por Carmela Silva á fronte da Deputación” para darlle a volta “as políticas partidistas e lesivas que levou a cabo Louzán”.
Militantes e simpatizantes socialistas compartiron tras o acto un cocido nun restaurante da vila. Ambos dirixentes animaron ás e aos socialistas a encarar as próximas eleccións “con ilusión e forza”. “Temos por diante catro meses de duro traballo”, afirmou Piña, quen sinalou que no centro das políticas socialistas “están sempre as veciñas e veciños”.
Pola súa parte, Silva mostrouse segura de que “o PSdeG vai ser a primeira forza en votos e concelleiros na provincia, e tamén en deputados na Deputación de Pontevedra”, o que permitirá “continuar coas políticas de igualdade e progreso que estamos a levar a cabo”.