A Deputación de Pontevedra aprobou este venres o proxecto para levar a cabo as obras de mellora da mobilidade peonil no treito antigo da estrada provincial EP-5201 Arbo-Cabeiras-Barcela, na contorna da igrexa de San Sebastián de Cabeiras, en Arbo. Cun orzamento próximo aos 420.000 euros, o proxecto será financiado ao 100% pola Deputación, xa que o Concello cubre o 20% (83.000 €) que lle corresponde no marco do convenio firmado entre ambas administracións cunha achega do Plan +Provincia.
“Trátase dunha actuación importante, que vai mellorar un espazo singular de Arbo, o que beneficiará a todos os veciños, xa que na actualidade a plataforma é moi irregular e non hai espazos axeitados para os peóns, dando lugar a situacións de risco e inseguridade”, explicou en conferencia de prensa o presidente da Deputación Luis López.
En concreto, as obras buscan reordenar e mellorar a contorna e os espazos públicos no ámbito da igrexa e do Campo da Festa, incluíndo o viario de acceso a ambos equipamentos, nun tramo de case 270 metros no que se renovará o pavimento, se mellorarán os sistemas de drenaxe de augas e servizos básicos, e se cambiará tanto o actual mobiliario urbano como a xardinería.