A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar dúas axudas ao abeiro do Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas que ascenden a 63.000 euros para os concellos de Arbo e Crecente. Este plan está aberto aos 59 concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes, que aínda poden solicitar beneficiarse das súas axudas ata o vindeiro 22 de marzo. Ata o momento, o Goberno provincial xa mobilizou preto de 500.000 euros dos 4 millóns de orzamento total, con achegas para Pazos de Borbén, Barro, Cerdedo-Cotobade, Redondela e Poio, ademais das de Arbo e Crecente.
En concreto, o Concello de Arbo recibe unha achega de 33.268 euros deste Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas coa que sufragará o 100% do orzamento da reforma dos vestiarios do campo de fútbol municipal, situado no lugar de Chan. Desta maneira, cos recursos provinciais habilitaranse dous novos vestiarios nas instalacións, que se atopan baixo a grada do campo, así como resolveranse as actuais filtracións de auga da fachada dos mesmos.
Pola súa banda, o Concello de Crecente sufragará grazas a unha achega de 29.870 do plan provincial o custe total das obras de mellora e remodelación da piscina municipal, que, debido ao paso dos anos, ás inclemencias climáticas e á falta de uso durante a época invernal, presenta danos nalgúns materiais, que deben ser substituídos por uns novos. Ademais, cos recursos provinciais tamén se renovará o céspede, invadido co paso dos anos polas malas herbas, e dotarase de instalación eléctrica ao recinto.